A Universidade de Vigo, sabedora da utilidade e das vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías, a informática e todo o relativo a Internet nos tempos que corren (mostra delo son as diversas actividades formativas que ten organizado nos últimos meses en torno ao emprego de diversos programas de ordenador), vén de anunciar a celebración dun novo curso de formación, máis interesante se cabe, dirixido a aquelas persoas que, con poucos coñecementos de deseño, desexan crear a súa propia páxina web.
Para isto, a entidade académica defende o emprego de fontes abertas, as cales, segundo afirman, “permiten que todo o mundo poida crear sitios web de forma rápida, malia ter poucos coñecementos informáticos”.
Xa que logo, o cometido deste curso, Deseño de páxinas web con recursos gratuítos, organizado pola Vicerreitoría do campus, é dar a coñecer esas ferramentas baseadas en software libre para poder crear unha páxina web propia.
O curso, que se desenvolverá na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás en Pontevedra, terá lugar na segunda quincena deste mes, e será impartido por Lidia Nokonoko Malvado, deseñadora gráfica e web do xornal Faro de Vigo.
O coordinador da Aula Tecnolóxica, Alberto García Ariza, asegura que o obxectivo deste curso é “achegarlle á sociedade en xeral e, de xeito especial, á comunidade universitaria os fundamentos técnicos da web para publicar contidos”, uns contidos interactivos para os que se empregará a linguaxe aberta XHTML de balde.
Entre os temas que se impartirán figura a maquetación co programa KompoZer, que se atopa dispoñible en Internet para a súa descarga de balde.
A Universidade oferta un total de 20 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. A matrícula pode formalizarse a través da plataforma Bubela e o prazo remata este venres día 12.
A Universidade de Vigo oferta un curso de deseño web con software libre
Compartir Este Artigo

