En vista de que a experiencia de reprodución de vídeos en YouTube era moi variable segundo a velocidade de descarga da que gozase o usuario, dende Google decidiron lanzar un taboleiro de velocidade en YouTube, para achegar información sobre a velocidade de carga, elemento no que inflúen moitos factores, como a velocidade da conexión de Internet do usuario, o provedor de servizos utilizado e a distancia á que están os servidores de vídeo.
Para calcular tal información dende YouTube fan unha media da velocidade de descarga dos últimos 30 días, para que así poidamos realizar comparacións entre distintas localizacións e provedores, de xeito que debería axudar a dar un pulo á mellora da velocidade da Internet, algo que no caso español debería urxir bastante, pois nas probas realizadas atopamos que a media de descarga española é de 1,88 Mbps, moi por debaixo dos 2,91 Mbps da media global. De feito, no caso de quen subscribe estas liñas detectouse unha velocidade de 2,71 Mbps (pese a gozar dunha conexión de 12 Mbps) o que continúa a estar por debaixo da media da velocidade que acadan outros usuarios de YouTube a nivel mundial, de xeito que dá a impresión de que os provedores españois deberían ter iso en conta á hora de deseñar as súas redes, para optimizar a carga do servizo de vídeo máis popular na actualidade.
Dende BandaAncha recompilaron datos de velocidade en YouTube dos distintos operadores españois e quedaría coma segue: Euskaltel (1,51 Mbps), Orange (1,52 Mbps), Telefónica (1,6 Mbps), R (1,74 Mbps), Vodafone (2,49 Mbps), Ono (2,61 Mbps) e Jazztel (3,11 Mbps).
Cómpre destacar que estes datos son unha media das mostras realizadas, e que non inclúen información sobre a velocidade contratada polos usuarios, de xeito que non hai que entender esta información coma datos de rendemento dos distintos accesos á Rede, senón do comportamento que teñen as redes dos distintos provedores cos servidores de YouTube.
A velocidade de carga de YouTube en España é inferior á media global
Compartir Este Artigo
