Nos tempos que corren, onde case que tódalas empresas (grandes, medianas e pequenas) teñen problemas de liquidez e atopan dificultade á hora de facer os pagos de débedas que veñen arrastradas por impagos de débedas doutras empresas, faise moi necesario que a lo menos as entidades públicas fagan algo para reducir o tempo dos seus pagos, e iso conséguese botando man, como pasa con outras moitas cousas, das novas tecnoloxías.
A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, vén de confirmar hoxe que o vindeiro día 26 de febreiro comezará a funcionar na Administración autonómica o rexistro electrónico de facturas, que garantirá que “o pago das facturas por parte da Xunta de Galicia se faga en 45 días, 15 menos que o máximo legal”.
Trátase dun compromiso por parte do Goberno da Xunta que “pretende mellorar as canles de contratación entre a administración e as empresas”, ao tempo que lle dá pulo á Sociedade da Información no noso país ao permitir establecer unha estratexia de modernización da propia administración.
O novo rexistro, moito máis moderno, tamén permite simplicar trámites e reducir os custes de xestión das operacións, algo que é moi beneficioso tanto para a propia administración como para as empresas.
Para levar a cabo con éxito este proxecto, a consellaría de Facenda tivo que crear un Portal Electrónico no que centralizar as facturas (tanto as dixitais como as impresas), incorporalas ao sistema e consultar o seu estado de tramitación.
Asemade, segundo sinalou Fernández Currás,”o sistema disporá de información relevante para a Administración, tanto desde o punto de vista orzamentario como de xestión da tesourería, e os provedores poderán coñecer o estado no que se atopan as súas facturas, o que aportará unha gran transparencia ao proceso”, indicou.
A conselleira tamén resaltou que a propia Administración poderá coñecer e xestionar axeitadamente a súa propia facturación e entre os beneficios do novo servizo en liña destacou, “un mellor servizo a cidadáns e empresas, menores custes, mellorar a liquidez das empresas, así como unha xestión moderna, rápida e eficaz”.
A posta en marcha da factura electrónica supón un punto de inflexión no desenvolvemento da estratexia TIC da Xunta de Galicia como un requirimento para avanzar e consolidar o desenvolvemento da administración electrónica.
No acto de presentación, que tamén contou coa presenza do director do CIXTEC, Mauro Fernández, entre outras persoalidades, fíxose unha demostración práctica do funcionamento deste sistema electrónico, e este último explicou como vai funcionar o sistema dende que a factura entra na Administración a través do Portal de entrada de facturas, así como a súa validación e conformación, ata que se produce o seu cobro por parte do interesado.
Ademais, Mauro Fernández explicou, que este sistema permitirá centralizar e tratar de maneira uniforme todas as facturas emitidas polos distintos proveedores da Administración, co que se obterá “unha xestión máis rápida e eficiente das mesmas”.
Facenda activará o seu rexistro electrónico de facturas o vindeiro 26 de febreiro
Compartir Este Artigo

