A Business Software Alliance (BSA), a meirande organización do mundo dedicada a promover un uso responsable do software comercial velando polo emprego de fontes privadas de maneira legal e autorizada, vén de publicar, un ano máis, os datos de piratería de software en España, e os datos ofrecidos acusan a Galicia de liderar a listaxe de comunidades con meirande índice de piratería, xunto con Madrid ou A Rioxa, entre outras.
Segundo os estudos levados a cabo pola consultora, Galicia é a séptima comunidade autónoma de España con maior índice de uso de software pirata nas súas empresas: 4 de cada 10 programas empregados polas empresas son adquiridos de maneira ilegal, dacordo cos datos do Global Piracy Report da consultora IDC.
Isto sitúa á nosa terra entre as comunidades con maior índice de piratería do software de todo o país (43 por cento), por enriba de comunidades como Andalucía ou Extremadura, onde a pesar de haber moitas máis empresas rexistradas, o uso de software ilegal sitúase en torno a un 30 por cento.
O índice de piratería de software na nosa comunidade tamén se atopa oito puntos por enriba da media da Unión Europea (35 por cento), o que representa un inconveniente para a competitividade e o desenvolvemento das nosas empresas posto que “poden supoñer perdas anuais de 30 millóns de euros por fallos operativos e de seguridade”, segundo afirman dendes a consultora.
Os datos empeoran na distribución de copias ilegais de software, xa que segundo o último estudo da consultora GfK Emer para BSA en España, a distribución do software sen licenza en Galicia a través da canle de venda tradicional (tendas) reduciuse significativamente ata o 29,7 por cento.
Isto significa que a nosa comunidade segue a ser a cuarta de España por índice de piratería na canle de distribución, case nove puntos por enriba da media para toda España, que se sitúa no 21,1 por cento. Por diante de Galicia soamente se sitúan Asturias, Extremadura e A Rioxa, segundo este mesmo informe.
Aproveitando a ocasión, BSA vén de anunciar o inicio dunha campaña de información en Galicia dirixida a pequenas empresas para dar a coñecer as vantaxes do uso de software legal e os graves riscos operativos e legais aos que se poden enfrontar as persoas polo uso de programas pirateados.
Galicia segue a ser unha das comunidades con maiores índices de piratería de software en España
Compartir Este Artigo

