Seguimos a dar conta de operacións policiais contra o intercambio de ficheiros na Rede. Desta volta, toca falar de Filmowisko, foro polaco integrado por máis de 30.000 internautas e que servía entre outras cousas para achegar experiencias sobre todo tipo de películas, series, discos ou programas informáticos. A comunidade en liña, que de xeito paralelo a todo isto semella que tamén daba acubillo á canle Rapidshare para compartir arquivos, estivo ao longo dos últimos meses no punto de mira da brigada antipiratería de Polonia (Foundation of the Protection of Audiovisual Creativity), que malia as repetidas proclamas non promocionais nin interesadas dos responsables do foro decidiu poñer en marcha accións en contra dos propietarios da dita web.
Para comezar e segundo se conta en TorrentFreak e máis ALT1040, levouse a cabo a detención de tres mozos (un de 21 anos, outro de 16 e outro de 17) que presuntamente eran os webmasters de Filmowisko.
Amais disto, procedeuse a investigar os lugares de residencia doutros integrantes do foro, con vistas a incautacións de datos e materiais. O resultado de toda esta manobra volve pór de manifesto o mal encamiñados que están certos esforzos das autoridades: a brigada só se fixo con 150 DVDs e CDs, ao que cómpre engadir o desproporcionado do castigo, que podería suporlles aos rapaces maiores ata cinco anos de cadea, ficando o máis novo a disposición dun tribunal para familias. Segundo se conta na Rede, o que de verdade se perseguiu con esta operación non foi o feito mesmo de compartir, senón o negocio que se estaba a xerar coa publicidade no sitio, o que é ilegal no devandito país.
Detidos tres mozos por dar acubillo na súa web a ligazóns de Rapidshare
Compartir Este Artigo

