O Portal Educativo da Xunta de Galicia, unha ferramenta que ao longo dos últimos anos incrementou considerablemente o seu número de visitas ao ofrecer unha chea de contidos e información de utilidade tanto para mestres como para alumnos e opositores, vén de migrar a unha plataforma web renovada na que os internautas poden acceder dun xeito máis dinámico á información que lle interesa en cada momento e aos servizos ofrecidos pola Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.
A nova web, que se enmarca dentro das iniciativas da Xunta a prol do software libre, presenta unha estrutura unificada co resto dos portais da Xunta de Galicia, o que, segundo informan dende o Executivo, “redunda nunha maior accesibilidade para o usuario, que atopa as mesmas referencias en todas as webs”.
Trátase dunha aposta da Consellaría polo emprego de software libre, para que sirva como exemplo dentro do eido educativo e para facilitar a evolución futura da ferramenta en tódolos aspectos.
A decisión deste departamento por decantarse por unha plataforma baseada en software libre vai mellorar, segundo afirman, “a súa futura evolución, facilitando a incorporación de funcións e servizos dirixidos a achegar a administración electrónica a todos os eidos educativos e para implantar e fomentar o uso das TIC no proceso educativo”.
O novo deseño da web sitúa na páxina de inicio os principais servizos da Consellaría, así como as novas de actualidade e os anuncios, presentados con atractivos elementos gráficos e unha estrutura limpa e clara.
Na parte superior, a información aparece compartimentada por colectivos, co que os usuarios poden atopar dun xeito máis sinxelo a información do seu interese. Outra das novidades do Portal educativo é a incorporación dun buscador cunha mellorada funcionalidade, que permite incluso a busca avanzada por temas, colectivos ou departamentos.
Logo desta migración, a Subdirección Xeral de Sistemas Informáticos da Consellería de Educación vén de anunciar que “segue a traballar para conseguir unha plataforma flexible de tal xeito que se poidan incorporar no futuro servizos complementarios tales como ferramentas de traballo colaborativo”; a intención deste organismo tamén é ampliar os servizos ofrecidos.
Educación renova a súa web facéndoa máis dinámica e actual
Compartir Este Artigo

