A Universidade de Santiago de Compostela, que leva uns anos apostando forte por intensificar o emprego das TIC en todo o seu entorno, vén de facer públicos os datos extraídos da Sexta enquisa sobre o uso que os estudantes da USC fan das TIC, realizada a comezos do curso, e o que máis chama á atención é que o 87 por cento dos estudantes dispón de ordenador propio, cunha taxa de acceso a Internet do 94 por cento, dous datos que mostran a boa aceptación que teñen as novas tecnoloxías e Internet entre todo o alumnado.
Esta enquisa, que permite comprobar en que medida se están a cumprir as liñas estratéxicas que a USC fixou en materia de novas tecnoloxías, revelou asemade que oito de cada dez alumnos navegan diariamente pola Rede e que o 85 por cento dos estudantes matriculáronse por Internet no pasado ano.
Estes datos reflicten o uso intensivo da Rede e das novas tecnoloxías que se está a dar entre o alumnado da entidade académica, a cal rexistra máis de 13.000 usuarios da Rede sen fíos e recibe preto de catro millóns de visitas anuais na súa web.
Os algo máis de 1.300 estudantes consultados foron interrogados sobre equipamento e conectividade, usos de Internet, telefonía móbil, redes e servizos, coñecementos e formación dos alumnos ou sobre a percepción que teñen das TIC, entre outras cuestións, e os resultados non puideron ser máis satisfactorios para os responsables da Área TIC.
A USC, que na actualidade se atopa, segundo asegurou o seu reitor Senén Barro, “nun ambicioso proxecto de e-administración”, é a responsable da rede sen fíos máis importante de Galicia e unha das primeiras no ámbito nacional, tanto por número de usuarios como por conexións; isto unido á súa aposta pola xestión administrativa a través de Internet tradúcese nunha boa percepción da entidade por parte dos propios alumnos e alumnas, os grandes protagonistas da enquisa, os cales, acordes aos tempos, reclaman “novos medios e formación nas tecnoloxías e servizos de Rede”.
A USC afianza a súa aposta polas TIC en todos os ámbitos da actividade universitaria
Compartir Este Artigo

