Co fin de ofrecerlle ás empresas galegas unha visión “clara, práctica e tanxible” sobre a facturación electrónica e as vantaxes que esta tecnoloxía conleva, a Consellería de Facenda, que pretende impulsar o uso das novas tecnoloxías no ámbito da contratación pública, vén de por en marcha, en colaboración coas Cámaras de Comercio e a Confederación de Empresarios de Galicia, 14 seminarios dirixidos a formar aos potenciais usuarios da factura electrónica e entidades mediadoras.
En cada un dos seminarios, que se levarán a cabo nas localidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Tui e Ferrol, daranse a coñecer os novos servizos e o funcionamento da plataforma que sustenta o rexistro electrónico de facturas dende que a factura entra na Administración ata que se produce o seu cobro por parte da persoa interesada. Isto supón unha estratexia de modernización que, segundo informan dende o Executivo, “simplificará trámites e aforrará custes”, garantíndose, por parte da Administración, “o pago das facturas en 45 días”.
Durante catro horas, as persoas asistentes poderán recadar información de utilidade sobre todos os aspectos relacionados coas vantaxes da adopción da factura electrónica e os pasos a seguir para facelo da forma máis sinxela posible, ademais de resolver todas as dúbidas que esta formula no ámbito operativo e tecnolóxico.
Os relatores tamén exporán a vantaxe que supón utlilizar este procedemento e as distintas solucións existentes para automatizar tanto a emisión como a recepción das facturas electrónicas.
Co obxectivo de acadar rapidez e eficacia no servizo á cidadanía, Facenda tamén anunciou que implantará a licitación electrónica, a factura electrónica e outros novos sistemas de comunicación e intercambio de información; todos eles configuran, segundo informaron, “novas técnicas de xestión que o Goberno galego incorporará axiña á súa xestión”.
Facenda pon en marcha unha campaña formativa sobre factura electrónica
Compartir Este Artigo

