Pilar Farjas Abadía, a conselleira de Sanidade da Xunta de Galicia, participou esta mesma mañá no Foro de Rexións e Celebración dos 20 anos das TIC en Saúde, que se desenvolveron no marco da eHealth Week 2010 en Barcelona e alí destacou o papel que xogan as novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) na atención sanitaria pública, un campo no que Galicia, segundo informou, “é unha das Comunidades Autónomas máis punteiras de España”.
Na súa intervención, a titular da nosa carteira sanitaria, remarcou que as novas tecnoloxías son “ferramentas que melloran a produtividade ao tempo que optimizan o uso de recursos e contribúen a implantar cambios organizativos que melloran a eficiencia”.
Neste senso, Farjas indicou que a prioridade principal do Servizo Galego de Saúde é “centrar a atención sanitaria no doente, para o que se está a levar a cabo unha modernización do funcionamento do sistema que permita unha xestión máis eficiente e sostible”.
Os obxectivos, explicou, “son dar resposta aos problemas de saúde no nivel máis próximo ao cidadán e no menor tempo posible, a optimización dos sistemas de información e a promoción da innovación”.
Pilar Farjas tamén subliñou que a dixitalización supón unha maior eficiencia nos recursos e na atención das persoas, e destacou a utilidade da plataforma IANUS pola súa eficacia para controlar a historia clínica dos doentes de xeito electrónico.
Farjas Abadía, que avogou tamén polo desenvolvemento da Administración electrónica “como elemento fundamental para a modernización do funcionamento do sistema sanitario”, citou o bo funcionamento da receita electrónica no noso país, onde xa hai 867 farmacias que a empregan e 180 centros de saúde que a emiten.
Asemade, Farjas Abadía lembrou que en Galicia están dispoñibles para a súa realización a través de Internet diversos trámites relacionados coa tarxeta sanitaria, a solicitude de cita previa, o acceso á historia clínica, a subscrición a noticias e recordatorios de citas, o servizo de suxerencias, queixas e reclamacións, e foros de participación cidadá, entre outros servizos.
Por último, Farjas Abadía puxo en valor a “cada vez maior” coordinación entre sistemas sanitarios de distintos países, e sinalou a necesidade dunha homologación entre historias clínicas, sistemas de acceso á sanidade pública e colaboración entre profesionais.
Galicia, entre as comunidades punteiras na aplicación das TIC á sanidade
Compartir Este Artigo

