A Tecnópole (Ourense) vén de pechar un programa de actividades dirixido a achegarlles ás empresas residentes recursos a prol do aforro e da eficacia enerxética, medidas estratéxicas que ao igual que as novas tecnoloxías da información teñen potencial abondo para incrementar a competitividade da empresa, e co engadido de que se traballa polo respecto ao medio ambiente. O programa de accións, que tamén consistiu en xuntar empresas dunha banda (non vinculadas directamente ao enerxético) e da outra (centradas en achegar servizos e equipamento de electricidade alternativa), rematou hoxe cun acto informativo que contou (entre outros persoeiros) coa presenza do director do INEGA (Eliseo Diéguez), instituto responsable destas xornadas desenvolvidas entre outras cousas para conmemorar o Día Mundial da Eficacia Enerxética, celebrado 5 de marzo.
Polo que respecta ao eido dixital, dicir que o encontro de hoxe serviulle ao INEGA para anunciar o desenvolvemento este ano dunha aplicación informática ao servizo das firmas e da súa arela (por outra banda inevitable) de aforro enerxético.
O software, dirixido sobre todo ás pequenas e medianas empresas, permitirá levar a cabo do xeito máis doado posible auditorías enerxéticas en liña. Deste xeito, o obxectivo do equipo responsable do seu deseño é permitir a diminución de custes no seo das empresas, o fornecemento de técnicas de corrección de ineficacias no gasto o espallamento da cultura de racionalización de consumos. “En definitiva”, sinalou Diéguez, “que o obxectivo fundamental da ferramenta é incrementar a competitividade das nosas empresas”.
O INEGA anuncia o deseño dun programa para favorecer o aforro enerxético nas empresas galegas
Compartir Este Artigo
