Arteixo Telecom, a empresa con sede nas Pontes especializada na fabricación de tecnoloxía das telecomunicacións, vén de reforzar a súa estratexia de espallamento no mercado internacional coa presenza de Javier Grandal Bouza no posto de director de Expansión. Grandal, que compaxinará este cargo co de director financeiro, asume o seu novo cometido co obxectivo principal de impulsar os negocios non industriais da compañía galega. Segundo informa Arteixo Telecom nun comunicado, o novo director de Expansión incorporouse á firma en xuño de 2000, integrándose no departamento de Marketing e Tecnoloxía e, ao ano seguinte, asumindo a máxima responsabilidade na área de Marketing e Institucións Públicas. En 2003, accedeu ao primeiro nivel directivo da compañía, ao ser elixido director financeiro, con responsabilidades nos departamentos de Finanzas e Contabilidade.
A misión vindeira de Grandal na compañía galega será, polo tanto, de longo alcance. De feito, coa reestruturación do organigrama da empresa levada a cabo este ano, sinala Arteixo Telecom, as competencias da dirección financeira foron ampliadas, incorporándose as áreas de Recursos Humanos e Servizos Xerais. A maiores, engade, Grandal asume (como se dixo) a dirección de Expansión, creada recentemente e da que dependen Marketing e Desenvolvemento de Negocio, Operacións Comerciais, o centro de I+D de Madrid, a liña de negocio de Instalacións, Automatismos e a filial Tecnocoid.
Javier Grandal é licenciado en Administración e Dirección de Empresas pola Universidade de Santiago, con especialidade en Auditoría e Control de Xestión.
Javier Grandal, nomeado director de Expansión de Arteixo Telecom
Compartir Este Artigo
