
Esta defensa da opción viguesa e da experiencia e competencia das súas empresas e dos seus profesionais veu da man de Manuel Xosé Fernández Iglesias (profesor da ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación), quen asegurou os días pasados que o pulo da I+D no eido das novas canles da información non hai que procuralo lonxe da nosa terra: está nela mesma. Ao seu xuízo, se finalmente se consegue a sede da Axencia, estariamos sen dúbida perante “un acontecemento histórico para Galicia”.
A Axencia Estatal de Radiocuminacións é un organismo da administración xeral do Estado que ten como función principal xestionar o dominio público radioeléctrico para que teña o maior retorno posible para a cidadanía. A explicación detalla do investigador é a seguinte: “Cando empregamos calquera aparello de telecomunicación, dende un teléfono móbil ata unha televisión, estamos enviando sinais por radio, e esa canle que nós empregamos ninguén máis a pode empregar” subliña, co obxectivo de desvelar a importancia da gran finalidade da axencia: a planificación, xestión e administración, así como a tramitación e outorgamento dos títulos habilitantes para o uso do espectro.
A axencia, a maiores, estará en disposición de decidir que servizos de telecomunicación se van dar fronte a outros, o que influirá nos seus prezos, calidade, etc. No caso galego, un emprazamento na nosa terra podería achegar máis e mellor información sobre a nosa realidade, o que repercutiría en servizos de telecomunicacións máis axeitados para unha sociedade, a galega, que aínda está pendente dun afianzamento fondo dos mesmos. Ao seu xuízo, Vigo é a alternativa máis sólida en parte porque ten a Universidade, o Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia, a Escola Naval Militar de Marín e en boa medida porque está ben comunicada, sobre todo con Madrid e Lisboa: “Estamos nun dos principais portos do mundo, en breve inaugurase a Cidade Tecnolóxica… e organismos como a Axencia Espacial Europea ou a Unesco avalaron xa o importante papel de Vigo no eido das telecomunicacións”, explica Fernández Iglesias.
A Universidade de Vigo aposta pola cidade como futura sede da Axencia Estatal de Radiocomunicacións
Compartir Este Artigo
