O Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA), responsable dunha boa parte do debate recente no país sobre a necesidade de protexer a lingua, conta xa cunha nova páxina web propia de seu. A proposta en liña, que se presenta como o instrumento de comunicación do Instituto coa comunidade internauta, inclúe novidades importantes no deseño, nos contidos e nos propios soportes que lles dan acubillo. O site vai destinado ademais a afastarse das habituais páxinas institucionais para achegarse na medida do posible a feituras máis propias dun xornal dixital. A súa función principal, tendo en conta que se trata dunha das principais canles de comunicación do Instituto coa sociedade, será presentar polo miúdo as actividades que se están a desenvolver no seo do IGEA, os seus estudos, os seus informes e as súas análises.
A páxina articúlase en catro grandes eixes temáticos: a información corporativa do IGEA, a actualidade, un catálogo de publicacións do instituto en distintos formatos e máis un emprazamento para a participación. Todos os datos corporativos sobre a traxectoria e o funcionamento da entidade (historia, membros, apoios) constitúe o primeiro dos bloques devanditos. No que atinxe á area de actualidade, o IGEA achegaralles aos usuarios unha sección de publicación de novas, a axenda coa súa programación e artigos publicados en distintos soportes que pola súa autoría ou temática estean ligados á actividades do instituto. No seu catálogo de publicacións darase acubillo aos informes de actualidade, que estarán a libre disposición dos internautas.
En palabras dos responsables do instituto, a nova web é un completo espazo multimedia que contará cunha biblioteca dixital que almacenará vídeos, galerías de imaxes e outros documentos de interese. Amais disto, manterá contacto directo coa sociedade (a través do espazo A túa opinión) e promoverá a súa participación no desenvolvemento da páxina mesma. Por certo que a web foi realizada cun xestor de software libre, typo 3, que é o que empregan as institucións como o Goberno ce Canadá ou a UNESCO.
O IGEA aposta polo feitura de xornal dixital para a súa nova andaina en liña
Compartir Este Artigo
