O presidente de Telefónica, César Alierta, vén de presidir, esta mesma mañá, o acto de presentación dos Telefónica Ability Awards, uns premios que teñen como finalidade recoñecer a aquelas entidades españolas que desenvolven modelos de negocio sostibles e que integran a discapacidade na súa cadea de valor.
Estes premios, que ata o de agora se viñan celebrando en Irlanda co patrocinio de Telefónica O2, levan cinco anos galardoando a aquelas entidades que apostan pola inclusión de persoas con discapacidade na súa empresa ou negocio, ben sexa como empregados, proveedores ou clientes.
Non é de extrañar xa que logo que os Ability Awards, segundo informan dende a compañía de telefonía, “están a acadar un gran impacto no mundo empresarial e na sociedade irlandesa”, sendo España o primeiro país ao que se exportan e ao que seguirán, segundo as previsións, outros países de Europa e Latinoamérica.
O acto, que tivo lugar en Madrid, contou coa presenza da fundadora dos premios, Carolina Casey, quen sinalou “a importancia de promover este tipo de iniciativas para cambiar a percepción que se ten da discapacidade no mundo empresarial”, tanto no noso país como no resto do mundo.
Os Telefónica Ability Awards contan no noso país co respaldo do CERMI (Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade), ONCE e a Fundación ONCE, e a través da súa web, as empresas poden obter información e presentar as súas candidaturas de maneira doada.
O prazo para presentar candidaturas vence o vindeiro día 4 de xuño.
Telefónica convoca unha nova edición dos Ability Awards
Compartir Este Artigo

