O natural e lóxico, no que se refire ás linguas nos eidos empresarial e institucional, non sempre se impón. Isto vén a conto para falarmos da estratexia comunicativa na Rede de empresas de renome en todo o territorio estatal e galego como Unión Fenosa, reflectida estes días por Vieiros e, polo visto, nos últimos tempos máis inclinada cara ao respecto polas linguas empregadas polos seus clientes. Por todas? Por todas parece que non, xa que todo apunta a que na Rede seguirá a brillar pola súa ausencia o idioma do país no que precisamente tivo a compañía o seu xermolo, o noso, e no que segue a contar cun bo número de fontes de ingreso.
A estratexia de Fenosa aínda é máis rechamante se temos en conta que no espazo en liña que comparte con Gas Natural (grupo do que Fenosa forma parte) si que se achega unha versión en catalán da súa comunicación corporativa cos clientes, ao que cómpre engadir o inglés e o castelán. E todo isto, sinálase en Vieiros, malia o anuncio emitido hai medio ano por Gas Natural no que se abría a posibilidade de normalizar o emprego da nosa lingua na compañía. Porén, engádese, seis meses despois disto non se ten rexistrado paso adiante algún neste proceso.
Fenosa aposta polo catalán na súa web pero segue a deixar relegado ao galego
Compartir Este Artigo
