O Consorcio Audiovisual de Galicia vén de ser obxecto dunha serie de reformas, a xuízo da Xunta dirixidas na súa meirande parte a darlle un novo pulo ao organismo e a fortalecelo como punto de encontro que integre a xestión autonómica do eido fílmico e remate coa “bicefalia” da mesma. Para comezar, o Consorcio contará na súa dirección co xornalista Anxo Quintanilla, vinculado durante dúas décadas á TVG e nos últimos tempos responsable das televisións autonómicas de Valencia e Murcia. Quintanilla, que no Consorcio asumirá o cargo de director-xerente, contará no seu equipo coa presenza do actual conselleiro de Cultura, Roberto Varela (que ocupará o posto da presidencia) e máis do secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, quen desenvolverá o cargo de vicepresidente.
A intención da Xunta foi integrar no consello de dirección a todos os departamentos con competencia directa no sector: as Consellerías de Cultura, Educación, Facenda, Traballo e Economía, as catro deputacións, a devandita Secretaría Xeral de Medios e máis a Televisión de Galicia. Segundo se conta en medios como Xornal.com reflectindo declaracións do novo equipo directivo, que por certo hoxe mesmo dará comezo á rolda de contactos co sector, a nova andaina do consorcio diríxese a pórlle fin á duplicidade amosada polo mesmo durante a anterior lexislatura, que distribuíu (insiste a Xunta) as competencias entre un organismo ligado a Cultura e un consorcio ligado a Presidencia. Durante a presentación desta liña de traballo e do equipo renovado, Alfonso Cabaleiro sinalou que o consorcio tamén estará suxeito á iniciativa de aforro e contención do gasto que promove o seu partido na Xunta, cousa que non significará, advertiu, o estancamento do eido audiovisual galego.
Novo equipo directivo para o proceso de unificación do Consorcio Audiovisual
Compartir Este Artigo
