Segundo unha serie de estimacións realizadas pola entidade Billentis, dos máis de 30.000 millóns de facturas que se xerarán en Europa ao longo deste 2010, máis de 2.200 millóns “serán facturas electrónicas”, porén, malia que son moitas, aínda queda moito camiño por percorrer no uso desta tecnoloxía en liña e o Goberno central, sabedor disto, vén de aproveitar o seu posto na actual Presidencia da Unión Europea para plantexar este tema de debate no organismo público.
É por isto que, durante hoxe e mañá, estase a celebrar en Madrid a Conferencia sobre Factura Electrónica en Europa, que organiza a Presidencia Española da UE e a Comisión Europea, e que foi inaugurada esta mesma mañá polo secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, Francisco Ros.
A Declaración de Granada sobre a Axenda Dixital Europea, aprobada o pasado 19 de abril pola Unión Europea, recolle o papel da factura electrónica como “elemento relevante” para avanzar na creación dun mercado único dixital europeo, favorecendo o comercio transfronteirizo entre os Estados Membros, e tamén como “elemento potenciador” da innovación e da eficiencia de funcionamento das organizacións, en particular das Administracións Públicas.
A Conferencia prodúcese nun momento axeitado para debater as recomendacións do Grupo de Expertos da Comisión Europea e as accións clave que deben emprenderse para eliminar as barreiras que actualmente lle afectan ao uso da factura electrónica. Neste sentido, o encontro consta de catro sesións sobre os seguintes temas: PEMES e Factura Electrónica, Interoperabilidade, Estándares e Marco legal da Factura Electrónica.
Nas distintas sesións intervirán tanto membros do Parlamento Europeo e da Comisión Europea, como representantes do Banco Central Europeo; así como representantes de alto nivel dos gobernos dos Estados Membros, empresas, organismos de estandarización e ONGs.
Por outra banda, durante a Conferencia tivo lugar a presentación dun informe elaborado polo Grupo de Expertos da Comisións Europea que propón “o establecemento dun Marco Europeo de Factura Electrónica”, e que ofrece unha serie de recomendacións para a provisión de servizos de factura electrónica de forma “aberta, competitiva e interoperable en toda Europa”. O obxectivo final é, segundo veñen de indicar, “promover a adopción masiva da factura electrónica en todos os países membros”.
Segundo o informe, entre os beneficios da facturación electrónica destacan a “mellora da competitividade, potenciais aforros de custes, a mellora do cash-flow, beneficios medioambientais, maior eficiencia das cadeas de subministro, a liberación de recursos para un traballo máis produtivo e o impulso para o desenvolvemento do Mercado Único”.
A UE dalle pulo á factura electrónica para acadar un mercado único dixital
Compartir Este Artigo

