Signe, unha empresa española especializada na edición e fabricación de documentos de seguridade para institucións públicas e privadas, vén de crear o primeiro título universitario do mundo en formato electrónico que, ademais de impedir o fraude, evita a suplantación profesional que tan de moda está sobre todo no entorno da cirurxía estética. O e-título, que así se chamará este documento dixital, seralle entregado aos titulados xunto coa acreditación tradicional en soporte papel e certificará dixitalmente a titulación de cada persoa. Trátase dun arquivo en formato PDF asinado electrónicamente que contén unha copia dixital auténtica do título universitario con valor probatorio así como cun certificado dixital con atributo da súa titulación que expide o Rectorado de cada universidade. Asemade, os alumnos e alumnas que reciban o seu propio e-título, recibirán tamén un nome de usuario e unha contrasinal pola que poderán cumprimentar e actualizar o seu currículum vítae Europass, un modelo de currículo que recolle o expediente así como todos os datos de formación dos cidadáns, que será común nos 25 países. Nun comunicado difundido hoxe, Signe sinala que se prevé a súa posta en marcha no vindeiro mes de setembro e que para o seu desenvolvemento asinou un acordo con Universia, unha das meirandes redes de cooperación e colaboración universitaria de fala hispana e portuguesa do mundo. As vantaxes deste documento acreditativo en liña son infinitas porén o máis destacable, ademais de impedir o fraude, é que lle permitirá ás persoas licenciadas axilizar numerosas xestións e trámites administrativos sen ter que desprazarse. O Portal do Titulado, segundo informan dende Signe, “será o punto de encontro virtual entre universidades, titulados, profesionais e empresas”, e a través do mesmo, as persoas que posúan o e-título, poderán actualizar nel o seu currículo profesional e laboral, así como obter copias dixitais auténticas do seu título, xestionar duplicados do seu título sen necesidade de desprazamentos ou avaliar a súa condición de titulado ante empresas e autoridades, entre outras xestións. Asemade, as universidades adscritas ao e-título, disporán dun sistema automatizado e seguro para a xestión de títulos que lles permitirá aforrar tempo e custes no seu labor administrativo.
En marcha o primeiro título universitario electrónico
Compartir Este Artigo

