Semella que poucas tecnoloxías hai hoxe en día tan contraditorias como as aplicadas ao eido automobilístico. Por unha banda, asistimos ao deseño continuo de sistemas que nos permiten ir máis rápido e sortear do mellor xeito os atrancos de velocidade e os posibles controis de tráfico. Pola outra, semella que hai un sector dedicado a pórlle freo a todo o que a devandita industria pon en marcha. Neste último grupo, que traballa a prol dunha circulación máis segura e sostible, sitúanse entre outros equipos de investigación os que integran o Instituto de Robótica e Tecnoloxías da Información (IRTIC) da Universitat de Valencia, que segundo reflicte Xornal.com veñen de desenvolver unha ferramenta dirixida directamente a reducir o número de sinistros nas estradas.
O sistema, chamado Meteosafety, podería baixar entre un 5 e un 10% a devandita cifra. A clave do asunto está en ofrecer información a falta de mellores concisións do clima, achegando datos actualizados e continuos sobre o estado do tráfico, o tempo e o estado das estradas.
Segundo conta o devandito equipo de investigación, a ferramenta renova os partes informativos cada dez minutos, empregando como receptores de datos paneis situados no exterior, na propia vía, e canalizándoos cara o condutor a través de GPS. O sistema mesmo sería quen de tomar decisións e regular para cada intre as medidas a tomar polos viaxeiros e os diferentes axentes de mantemento e seguridade das estradas (que luces poñer, cando poñer as cadeas, etc). A achega tecnolóxica, que non emprega nada que non existira (estacións meteorolóxicas estatais e autonómicas) xa foi probada cunha taxa de fiabilidade nunca inferior ao 75% na vía M-607 Madrid Valencia, máis polo miúdo no punto quilométrico 18,300. A circulación dos datos dos que fornece é dupla: por unha banda van cara ao condutor e pola outra aos efectivos encargados da seguridade e mantemento das estradas (Centro de Emerxencias, Garda Civil, Ministerio de Fomento, etc).
En marcha unha nova tecnoloxía para reducir sinistros nas estradas ata nun 10%
Compartir Este Artigo
