A Rede non é nada sen as/os usuarias/os. Para comprobalo, se cadra non hai nada mellor que achegármonos a unha das moitas xuntanzas de internautas que se celebra na nosa xeografía, eventos nos que –por así dicilo- o miolo da Sociedade da Información fica finalmente ao descuberto. Unha destas citas foi a Scul Party 2010, actividade promovida esta fin de semana pola delegación de alumnos da Escola Superior de Enxeñería Informática (ESEI) do Campus de Ourense e que chegou este ano á súa décima convocatoria. No programa atopamos un pouco de todo: competicións arredor de Counter Strike ou Call of Duty, xogos de mesa, actividades lúdicas sobre a Play Station e a Wii ou, para desmentir a crenza de que todo o que atinxe á informática tense que dar baixo teito, actividades ao aire libre.
A party en liña, que reuniu a máis 150 seareiros da informática procedentes de toda a nosa terra, desenvolveuse dende o venres ata este domingo na sala de estudo do Edificio de Ferro, baseando o seu principio básico no cada día máis firme punto de converxencia entre o lecer (xogos, torneos, concursos) e o intercambio de información (programación, deseño). Dito doutra maneira: facendo visible o miolo da Rede.
A Scul Party 2010 reuniu en Ourense a máis de 150 seareiros das redes
Compartir Este Artigo
