A profesora María Victoria Fernández, encargada do cursoAs novas tecnoloxías xa están ao alcance da man para quen queira tirarlles partido, profesores e divulgadores incluídos. De poñer aquelas o máis preto posibles é do que trata o novo curso que vai pór en marcha o Campus de Ourense: unha actividade que tendo como alicerce as vantaxes para o corpo docente da ferramenta Hot Potatoes, dá claves sobre cómo facer que sobre unha materia en concreto queden as mínimas dúbidas posibles. A dita ferramenta, informan os responsables do curso, ten potencial para iso, xa que permite crear exercicios interactivos e publicados na rede, facilitándolle o labor ao profesorado ao deixar marxe para a autoavaliación en liña do propio alumnado, entre outras utilidades. O curso de formación do profesorado celebrarase durante os días 16 e 23 de xuño e será impartido pola profesora María Victoria Fernández. O prazo para a matrícula remata o día 14 do devandito mes. En palabras da propia docente, o servizo Hot Potatoes permitiralle aos asistentes á actividade formativa aprender a desenvolver distintos tipos de exercicios interactivos, como encrucillados para pendurar na Rede con engadidos como lecturas, imaxes, vídeos ou táboas.