A cuestión sobre a necesidade de coidar a lingua na Rede cobrou os días pasados especial importancia, en parte pola significativa celebración do 17 de maio (Día das Letras Galegas e Día de Internet), en parte porque semella que non todo o que debera estar en galego nas páxinas vinculadas ao Goberno autonómico, está en galego. Así o puxo de manifesto o BNG a través do seu deputado, Bieito Lobeira (na imaxe), quen lle esixiu á Xunta que explicase o mantemento de diversas webs vinculadas á mesma que non inclúen versión na nosa lingua, malia que sobre o papel sexa o Goberno autonómico quen garanta con meirande obrigatoriedade esta inclusión.
Para Lobeira, este desleixo polo idioma é un incumprimento do Estatuto de Autonomía de Galiza e da Lei de Normalización Lingüística, que ligan conta claridade as institucións galegas ao fomento e impulso da lingua propia.
Perante isto, o BNG presentou os días pasados unha proposición non de lei no Parlamento Galego pola que insta á Xunta de Galiza a “adoptar as medidas precisas para garantir a publicación en galego, como opción inicial, de todos os contidos e informacións inseridos nas páxinas web oficiais nos seus diversos departamentos, así como nas sociedades, entres ou empresas públicas dependentes da Xunta de Galiza ou participadas por ela”.
Un exemplo desta exclusión (e dunha falta de actualización de formas e contidos) é o que acontece con www.deportegalego.com, web ligada á Secretaría Xeral para o Deporte que neste intre presenta un claro redireccionamento cara a un sitio en liña que mestura castelán e galego e que semella non ter sido renovado en moitos anos. Outros casos de desleixo cara á nosa lingua pódense rastrexar nas informacións oficiais do Instituto Galego de Consumo, nalgúns casos comprobados e certificados (como nas notificacións remitidas polo xefe do Servizo Provincial de Consumo na Coruña) en castelán.
Críticas dos nacionalistas á exclusión do galego nalgunhas páxinas web autonómicas
Compartir Este Artigo
