Na actualidade, máis de 1,8 millóns de galegos e galegas, que representan o 66,3 por cento da poboación total de Galicia benefícianse das vantaxes da e-receita, a receita electrónica que permite, entre outras cousas, mellorar a prescrición dos doentes, integrar a información sobre os medicamentos que consumen para mellorar o proceso asistencial, facer partícipe no tratamento ao farmacéutico ou farmaceutica e avaliar a dispensa e prescrición en liña, unha vantaxe que aforra en tempo e desprazamentos tanto aos doentes como ao persoal sanitario, ao tempo que axuda a coidar o medio ambiente grazas ao descenso do consumo de papel e tinta.
O Servizo Galego de Saúde e a Consellaría de Sanidade, levan tempo facendo unha aposta decidida por situar ao doente como “eixe do sistema”, ofrecéndolle unha resposta asistencial axeitada en tempo e forma, e diminuíndo os trámites e a burocracia.
As actuacións da administración sanitaria galega, segundo veñen de anunciar dende a Administración, “céntranse agora no obxectivo fundamental de mellorar a capacidade resolutiva, en especial no primeiro nivel asistencial que é a porta de entrada dos pacientes”.
Deste xeito, a nosa sanidade verá melloras na súa capacidade resolutiva, no acceso ás probas diagnósticas e na implantación e extensión de novas ferramentas e tecnoloxías que permitan a innovación e mellora da calidade.
Afirman dende a entidade pública que a implantación da receita electrónica “implica melloras na calidade asistencial ao diminuír o número de consultas para renovación de receitas nos centros de saúde”, isto permítelle aos profesionais sanitarios dispoñer de máis tempo para o diagnóstico e tratamento dos pacientes, desconxestionando as consultas de Atención Primaria e reducindo a carga administrativa dos profesionais médicos.
Dende marzo de 2009, a poboación beneficiaria da e-receita multiplicouse por 11 e o número de centros de saúde traballando co sistema multiplicouse por 14.
Nesta liña, a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde a través do emprego das novas tecnoloxías están a desenvolver en todas as xerencias galegas a telemedicina, que permite mellorar os tempos de espera e axilizar as consultas aos especialistas. Así, a Sanidade pública está a traballar na implantación de programas como a teledermatoloxía, e a teleoftalmoloxía, entre outros.
Tamén se está a dixitalizar a imaxe de radiodiagnóstico, o que permite compartir imaxes e informes entre todos os centros sanitario galegos. Isto supón unha maior rapidez no diagnóstico, unha maior calidade de atención para o paciente e unha maior eficiencia no aproveitamento dos recursos do sistema sanitario.
A xestión integrada, a xestión clínica e a xestión por procesos que permiten optimizar os recursos sanitarios están a poñerse en marcha neste mesmo ano 2010 a través da implantación dalgúns destes procesos como son insuficiencia cardíaca; ansiedade, somatización e depresión; embarazo de baixo risco; ou diabetes tipo II.
Precisamente, ven de presentarse a Estratexia Galega contra o Cancro na que se inclúe a creación de guías clínicas dos cancros de próstata, pulmón, colorrectal e de mama. O seu obxectivo é garantir aos pacientes con sospeita de padecer algún destes cancros que o tempo que transcorra dende o diagnóstico de sospeita ata a primeira actividade terapéutica non sexa superior a 30 días, en toda a Comunidade Autónoma Galega. Cada unha das xerencias, segundo informan dende a Consellaría, “porá en marcha alomenos unha destas vías, garantindo a súa implantación inmediata nos centros do Sergas”.
Ademais das melloras do proceso asistencial, dende a entidade pública lembran o impulso do Plan de Modernización de Infraestruturas que reflicte a súa aposta pola atención primaria coa construción de 63 novos centros, dos que 13 están xa en obras, e de tres centros de alta resolución, o que suporá un investimento de máis de cen millóns de euros. Sanidade xa destinou no 2009 preto de 6 millóns á construción de novos centros, e 1,7 a reformas e melloras dos centros existentes.
Sanidade aposta pola mellora da asistencia sanitaria coa axuda das TIC
Compartir Este Artigo

