
O convenio aprobado hoxe, con vixencia ata decembro de 2013, garantirá por parte da Administración autonómica a prestación do sistema de rexistro e información de todos os escritos e comunicacións destinados aos concellos a través das oficinas de atención presencial da Xunta e realizará os investimentos necesarios en infraestrutura e telecomunicacións para a correcta prestación do servizo.
O convenio, que asinarase en breve, constitúe o marco xurídico no que as entidades locais poderán asinar a súa adhesión e integrarse nas actuacións previstas no Plan eConcellos, que a través de dúas liñas estratéxicas, seis áreas de actuación e 17 iniciativas impulsará a implantación da Administración electrónica nos concellos galegos.
O devandito plan conta cun orzamento de 9,1 millóns de euros ata o ano 2013 e ten como obxectivo desenvolver a Administración electrónica nas entidades locais e garantir uns niveis homoxéneos de servizos dixitais para todos os cidadáns.
Un dos primeiros pasos para modernizar a relación coa cidadanía previstos no plan é a creación nos concellos das oficinas de atención presencial ao cidadán da Xunta de Galicia, que actuarán como puntos de libre acceso e uso equipados cos medios precisos para que os usuarios poidan realizar os trámites administrativos de xeito telemático.
A Xunta apoiará e complementará as iniciativas que se levan a cabo nas deputacións provinciais e crearase a Comisión galega de validación e adaptación telemática de procedementos administrativos que ten como obxectivo fundamental a elaboración dun catálogo de polo menos 85 procedementos telemáticos que se ofertarán aos concellos galegos. Posteriormente, os procedementos seleccionados polas entidades locais iranse implantando paulatinamente, comezando cun mínimo de 15 procedementos en 105 concellos.
Este proceso irá acompañado dunha serie de actividades formativas destinadas aos empregados públicos, profesionais, entidades cidadáns e aos veciños en xeral.
Por outra banda, o plan prevé afianzar o espazo dixital EidoLocal como o portal das entidades locais, potenciando os seus contidos e que o seu uso se consolide na vida diaria municipal. A web disporá dun espazo privado que baixo o epígrafe, carpeta do concello, cada municipio poderá xestionar a súa relación coa Xunta así como dun espazo destinado aos servizos de apoio aos concellos e dun portelo único da relación de servizos prestados polas entidades locais.
A Xunta investirá 9,1 millóns de euros na dixitalización da Administración nos concellos
Compartir Este Artigo

