A Universidade da Coruña, segundo afirmou esta mesma mañá o reitor, José María Barja, vaille enviar ao Ministerio de Educación o vindeiro 31 de maio o seu proxecto Tecnoloxías para a sustentabilidade económica, social e ambiental participando así na convocatoria de Campus de Excelencia Internacional deste ano.
O documento a entregar concibe o proxecto como un “campus integrador que implicará a todas as titulacións da Universidade da Coruña” porén incide especialmente no seu carácter transversal polo que terán cabida non só os profesores e investigadores do ámbito tecnolóxico senón que poderán sumarse todos aqueles que se serven da tecnoloxía xa sexa do ámbito das ciencias, das humanidades, de ciencias da saúde ou da área xurídica e social.
O obxectivo principal que se extrae do estudo é, segundo afirman dende a entidade académica, “que este proxecto dinamizará o contorno da Universidade da Coruña desde o punto de vista económico, social, cultural e deportivo”. O propio modelo da UDC leva a configurar este proxecto desde un punto de vista global. Asentada nunha rexión urbana duns 700.000 habitantes, a universidade vertebra as áreas metropolitanas da Coruña e Ferrol.
A UDC contribúe deste xeito á formalización dun polo con cinco perfís educativo-investigador-tecnolóxico-asistencial mediante agregacións co tecido social e económico.
O proxecto de Tecnoloxías para a sustentabilidade que presentaron esta mañá na Maestranza ademais do reitor, o vicerreitor de Infraestruturas e Xestión Ambiental, Xosé Lois Martínez, e o vicerreitor de Cultura e Comunicación, Luís Caparrós, coa presenza do resto do equipo de goberno de José María Barja, marca catro obxectivos fundamentais:
1. Potenciar un polo de xeración, difusión e transferencia de coñecemento en Tecnoloxías para a sustentabilidade económica, social e ambiental.
2. Desenvolver unha oferta de posgrao interuniversitario e internacionalizado de calidade, diversificado e sustentable.
3. Desenvolver, a través do seu modelo de Campus territorial, unha rexión urbana integrada mediambientalmente responsable, dinámica e aberta; ecosistema dunha sociedade creativa e emprendedora.
4. Consolidar un sistema de xestión universitaria dos recursos sustentable, con mecanismos que aseguren a calidade e a rendición de contas á sociedade.
De acadar estes obxectivos segundo o previsto, a Universidade da Coruña será en 2015, como indicou o reitor na súa presentación, un Campus Territorial de Excelencia Internacional recoñecido por ter exercido de axente de dinamización social e cultural e ser responsable da cristalización dunha realidade supramunicipal na rexión urbana máis dinámica de Galicia. A UDC contribuirá así ao establecemento dun Sistema Universitario Galego ”sustentable, diversificado e internacionalizado” que, dados os tempos que corren, non é pouco.
A UDC aposta polas TIC para acadar o Campus de Excelencia Internacional
Compartir Este Artigo

