Froito da aposta do Goberno galego polo sector audiovisual e da unificación das entidades responsables deste sector no recentemente constituído Consorcio do Audiovisual, a Secretaría Xeral de Medios estima que o sector audiovisual galego “comezou unha nova etapa de unificación e ordenamento despois da división provocada polo Goberno bipartito durante o que se estableceu unha guerra interna de competencias e a utilización de criterios poucos racionais no reparto de fondos públicos”.
Esta entidade pública vén de anunciar que nos próximos días se vai axilizar a tramitación e resolución de axudas para este sector e que por segundo ano consecutivo sairán axudas á comercialización.
Asemade, tamén se reforzou, segundo informan, co Xacobeo, “a liña de axudas a festivais e distintos proxectos audiovisuais”.
Os responsables do audiovisual galego na Xunta afirmaron asemade que tamén se ten intensificado o papel do Igape no sector para estudar vías de financiamento ao audiovisual, así como que por primeira vez institucionalizouse a presenza do audiovisual galego en certames internacionais, como o que se está a celebrar estes días en Cannes, onde o Consorcio Audiovisual apoia distintas produtoras galegas.
Á par que o apoio ás empresas do audiovisual, engaden que “non se ten deixado de apoiar a diferentes asociacións e proxectos, como por exemplo, a presenza galega nos Goya ou a celebración dos premios Mestre Mateo”.
A Xunta, segundo informan dende o executivo, “comprende o mal momento que poden estar vivindo empresas e profesionais do sector como consecuencia da crise económica pero iso non impide que se siga apoiando ao sector audiovisual e se colocara da novo a Galicia como referente en España”. A isto contribúe tamén o éxito de proxectos como Celda 211, a promoción e próximos estreas de O Apóstolo e The Way, de Martin Sheen, así como a celebración en Galicia de diferentes encontros como o que celebraron recentemente as mulleres do audiovisual.
A Xunta axiliza a tramitación de axudas para o audiovisual galego
Compartir Este Artigo

