Ao igual que cada día recargamos os nosos móbiles, cámaras fotográficas, reprodutores de música portátiles… con total normalidade e sen percatarnos de que é unha tecnoloxía sumamente recente, nun futuro moi próximo, o feito de conectar os nosos vehículos á corrente eléctrica para que estes funcionen vai ser unha actividade tan normal como pode ser almorzar ao levantarnos da cama.
A empresa galega BlueMobility Systems S.L, con sede en Vigo e experiencia no sector dende o pasado ano, vén de presentar esta semana, no Salón Internacional do Automóbil Ecolóxico e a Mobilidade Sostible, en Madrid, a primeira Rede Intelixente de Recarga de Vehículos Eléctricos desenvolvida en España seguindo a estrutura de Redes Locais, no tocante do sistema máis extendido de puntos de recarga independentes.
Esta empresa, que entre outras cousas, investiga, desenvolve, fabrica, vende, instala, da asistencia e opera en redes de recarga para os vehículos híbridos e eléctricos, vén de presentar a súa propia Rede Intelixente de Recarga de Vehículos Eléctricos (RIRVE), unha rede en proximidade, organizada xerarquicamente a partir de puntos xeográficos estratéxicos, que está formada por unha Central de Control e por varias Redes Locais despregadas por diferentes lugares.
Estas Redes Locais están integradas por un Nodo de Control, que actúa como unha Central “máis sinxela” encargada da intelixencia e a xestión de datos desa zona concreta, e varios Puntos de Recarga, cuxa función se limita á transferencia de enerxía, segundo dín, “para abaratar custes se se quere expandir o número de Puntos contratados”.
A diferenza deste sistema cos que ofrecen o resto de compañías do sector radica en que, segundo informan dende BlueMobility, “as demais entidades venden Puntos de Recarga independentes coa intelixencia integrada, polo que resultan moito máis caros e reducen a escalabilidade do servizo”.
Grazas ao concepto de BlueMobility, engaden, “os consumidores terán ao seu alcance estes Puntos dunha maneira máis doada nos seus lugares habituais de traballo e residencia”; deste xeito, o coche pode cargarse, por exemplo, mentres se realizan xestións, compras ou incluso mentres se traballa.
Cada Punto terá a capacidade de suministrar enerxía nunha hora para percorrer un mínimo de 100 kilómetros e nun futuro próximo, segundo afirman, tamén existirá a posibilidade de realizar cargas rápidas en electroliñeiras, nun tempo aproximado de 10/15 minutos.
No acto de presentación deste revolucionario servizo participaron, entre outros, o director xeral de Enerxía, Industria e Minas, Ángel Bernando Tahoces, o presidente de BlueMobility, Alberto Casal, e o conselleiro delegado da firma Bartolomé Campins.
A galega BlueMobility presenta o seu sistema intelixente de recarga de vehículos eléctricos
Compartir Este Artigo

