
A ferramenta tamén ten como obxectivo servir de punto de encontro para calquera profesional relacionado co mundo das tecnoloxías da información interesado nas actividades que se desenvolven no centro, así como para os antigos alumnos e alumnas, que poden atopar na Rede un lugar no que seguir mantendo contacto coa facultade.
A páxina, que foi deseñada e creada polo profesor Francisco Javier Rodríguez e polo bolseiro Roberto Rosende, leva funcionando pouco máis dun mes e conta xa con preto de 150 usuarios.
Segundo explican os seus responsables, a ferramenta foi creada coa intención de “recuperar a relación da Universidade con todas as persoas que pasaron polo centro, así como para constituír un nexo de unión entre o estudantado actual e a comunidade de ex alumnos”.
A web, que conta cun deseño sinxelo para facilitar o acceso das persoas usuarias aos distintos contidos, como poden ser apuntes, presentacións, vídeos ou fotografías, complementa a presenza que xa ten o centro no Twitter e en Facebook, e permite a creación de páxinas propias, eventos e grupos de interese, entre outras cousas.
A páxina principal contén unha selección de novas de actualidade e interese para o colectivo de informáticos na marxe esquerda e unha selección de vídeos e eventos na parte central, reservando a marxe dereita para rexistrarse e ver aos membros da rede.
Segundo recolle o Diario da Universidade de Vigo, o director do centro, Enrique Barreiro, amosa a súa confianza de que esta iniciativa “funcione como unha ferramenta de fidelización que lle permita á ESEI manter o contacto con todos os titulados que van pasando polo centro que, desta maneira, poderán manter vínculos profesionais e emocionais cos seus antigos compañeiros e profesores”.
Unha apreciación na que tamén coinciden Francisco Javier Rodríguez e Roberto Rosende, que afirman que “a rede vainos permitir non só recuperar o contacto con antigos estudantes senón tamén ver a súa evolución no mundo profesional, xa que hai persoas que empezaron a traballar nos postos base e que hoxe son directivos de grandes empresas. Para nós é importante recuperar o contacto con estas persoas xa que poderían seguir vinculados á escola para participar en novas actividades de formación ou para colaborar na formación dos estudantes”, sinalan.
A ESEI de Ourense lanza en Internet a súa propia rede social
Compartir Este Artigo

