O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, anunciou esta mesma mañá a apertura da convocatoria para que as pemes galegas e os profesionais interesados en formar parte da nova Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA) presenten as súas candidaturas.
Segundo anunciou, “o prazo de formalización de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 24 de xuño, e toda a información e os formularios están xa dispoñibles na web oficial”.
Guerra lembrou que a Rede XIGA será o resultado dun programa piloto de formación de técnicos especialistas en materia de innovación e a súa incorporación a 60 pemes galegas. Asemade, expuxo que a Dirección Xeral de I+D+I se fará cargo do adestramento de 75 profesionais (previamente seleccionados a través dun proceso competitivo) para convertelos en “expertos na xestión de proxectos innovadores” e que cofinanciará os custos laborais dos 60 mellores durante os seus primeiros tres anos como parte do persoal das pemes beneficiarias.
As sesións de formación terán lugar no Parque Tecnolóxico de Galicia –Tecnópole-, en Ourense e a elas poderán asistir aqueles aspirantes a xestores expertos en innovación que posúan unha titulación superior obtida nos últimos anos, dominen o inglés tanto na escrita coma na fala e teñan carné de conducir. A experiencia laboral previa e a acreditación dun máster relacionado coa innovación puntuará asemade a favor dos candidatos.
O labor que os xestores de innovación levarán a cabo nas pemes que os contraten centrarase, entre outras cousas en identificar proxectos e potencial de I+D+i nas empresas, en analizar convocatorias de axudas públicas no ámbito da innovación e en definir, planificar e documentar memorias de proxectos de I+D+i
Durante os vindeiros meses terá lugar o programa de formación intensiva dos 75 candidatos seleccionados con 320 horas de sesións presenciais sobre temas relacionados coa xestión da innovación (sistemas de xestión da I+D+I, xestión administrativa e económica de proxectos de I+D+I, novas tecnoloxías, vixilancia tecnolóxica, fiscalidade da innovación, xestión da calidade, etc.). As persoas asistentes terán dereito a unha bolsa de formación de 400 euros brutos mensuais durante os dous meses lectivos e as 60 que obteñan a mellor puntuación ao remate da formación serán os integrantes definitivos da Rede XIGA.
Polo que se refire ás empresas, os requisitos que deben cumprir para poder solicitar a incorporación dun destes expertos son reunir a condición de peme (menos de 250 empregados); atoparse ao corrente en todas as súas obrigas fiscais; e ter experiencia previa en iniciativas de innovación e/ou plans en firme de abordalas nun futuro inmediato.
Desde o principio desta iniciativa, todos os xestores contarán co soporte da Rede XIGA a través dunha plataforma en liña deseñada con base nas ferramentas 2.0 dispoñibles en Internet (redes sociais, foros, repositorios de documentos e todos os recursos dispoñibles para compartir e interactuar). Deste xeito posibilitarase a continua actualización de coñecementos, a posta en marcha de ideas e proxectos que impliquen a cooperación de varias empresas, o intercambio de experiencias…
As expectativas do programa contemplan que as empresas contratantes de profesionais da Rede XIGA teñan acadado ao remate de 2012 un incremento do investimento en innovación dun 30 por cento; un 50 por cento máis de proxectos presentados a convocatorias competitivas de plans autonómicos, estatais e internacionais; e un aumento da facturación ligado á explotación dos resultados dos proxectos.
Este programa é, segundo informan dende o Executivo, “un anticipo das liñas de traballo que serán priorizadas no novo Plan Galego de I+D+I, en fase de deseño, e na nova Axencia Galega de I+D+I, que se porá en marcha durante este ano 2010”.
En marcha a rede Xiga para a xestión da innovación en Galicia
Compartir Este Artigo

