Se tiveramos que explicar a nova andaina na Rede da Universidade de Santiago se cadra habería que recrear unha casa en construción na que se convida aos estudantes a aplicar abertamente as súas achegas. Tanto que o novo edificio non se entendería sen eles. Este espírito, que xorde das novas tendencias das comunidades en liña 2.0, semella alentar tres novas iniciativas virtuais da institución educativa: a remodelada web institucional, a TV da USC e a rede social casadatroia.es. Os proxectos, presentados onte polo reitor Senén Barro, responden ao seu xuízo á arela de impulsar un novo modelo de comunicación no eido académico, tirando proveito da Rede para convertela, de xeito definitivo e sen volta atrás, na principal canle de información da USC. Ao mesmo tempo, faise un esforzo por mellorar a accesibilidade (adaptando feitura e miolo ás recomendacións e normas sobre este eido) e as novas demandas de comunicación (que pasan, en parte, por achegar unha mellor visualización nos dispositivos móbiles).
No que atinxe aos labores feitos sobre a web principal da Universidade, que a día de hoxe conta con máis de catro millóns de visitas anuais, dicir que pasan pola posta en marcha dun xestor de contidos que posibilite a participación inmediata de quen estea en disposición de achegala. A web, sinala a USC, disporá agora de meirande axilidade e máis volume de datos e servizos, ao tempo que porá nun lugar máis visible o traballo desenvolvido polos grupos de investigación, institutos ou departamentos.
Polo que respecta á televisión, dicir que a diferenza da anterior trátase dunha iniciativa nova e que xorde para compartir coa comunidade universitaria e coa sociedade galega en xeral os fondos audiovisuais da USC, ao tempo que serve para afianzar na medida do posible a divulgación científica da institución. Polo tanto, porase ao servizo do xenérico e do máis específico, dando conta de todo tipo de actividades organizadas ao abeiro da Universidade (visitas, relatorios, conferencias, seminarios) para consolidar o que se veu a chamar na presentación “a memoria audiovisual dos actos institucionais da USC”.
Arestora, USC TV achega máis de 400 horas de contidos.
Pola súa parte, casadatroia.es podería definirse como o proxecto máis decididamente 2.0 dos presentados onte pola Universidade, un espazo para a xuntanza colectiva con arela de promover a comunicación, a investigación, o talento e a colaboración. Segundo se fixo saber este xoves no Colexio de Fonseca, estas medidas afondan “no compromiso da institución académica compostelá coa innovación, o aproveitamento das posibilidades tecnolóxicas e a excelencia internacional”.
A USC pon en marcha unha canle de TV e unha rede social
Compartir Este Artigo
