A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, reuniuse hoxe cos axentes implicados no sector das novas tecnoloxías de Galicia para definir as políticas de fomento da innovación TIC. Estas actuacións constitúen un dos apartados do Plan Estratéxico Tecnolóxico Global que o departamento autonómico presentará no mes de xuño.
Desde a Secretaría Xeral elaborouse un documento coas propostas da Xunta nesta materia para o que se contou coa colaboración tanto das tres universidades galegas, como das asociacións do sector, o Clúster TIC, os colexios profesionais e as institucións relacionadas coas tecnoloxías da información e da comunicación. Tomando como referencia este diagnóstico, que os propios implicados lles trasladaron aos representantes do departamento autonómico en diferentes reunións, elaborouse un borrador coas posibles liñas de actuación da Administración para fomentar a innovación das tecnoloxías da información e a comunicación.
Os tres obxectivos que o Goberno galego sinala como principais nesta materia son incrementar a competitividade do sector TIC galego así como doutros sectores económicos con presenza en Galicia e mellorar a calidade e a eficiencia na prestación de servizos públicos da Xunta mediante proxectos innovadores que empreguen as TIC.
Para conseguir estes obxectivos a Xunta expuxo aos axentes implicados unha política de fomento da innovación TIC que se articula en torno a 5 liñas de actuación apostando pola colaboración público-privada, pola xestión da innovación no ámbito público, por crear novos modelos de negocio dende as necesidades da Administración, polo apoio financeiro e por fomentar o asesoramento especializado para os proxectos tecnolóxicos.
Modernización xuntouse cos axentes do sector TIC para definir as políticas de innovación no seu ámbito
Compartir Este Artigo
