Hoxe en día, case nada do que acontece na vida real é completamente independente do virtual. Deste xeito, cada cousa que transcende nos medios tradicionais ou ten potencial para salientar por riba (ou por debaixo) da normalidade, convértese de xeito automático en cuestión estrela do Google. Esta dupla notoriedade, que a uns lles trae beneficio e a outros desgrazas, semella chegar no personaxe alcumado Jimmy Jump a uns niveis de autoconsciencia e autocomplacencia sen precedentes. Dito doutro xeito: na súa persoa, ben coñecida nos medios por ter estragado diversos acontecementos multitudinarios co seu pucho tradicional catalán (como por exemplo finais da Champions Leage), todo vai encamiñado a crear un interese que redunde na Internet, concretamente nos espazos web propios de seu, onde parece agardar polas visitas con aleivosía. Isto dedúcese da súa máis recente performance: a irrupción no Festival de Eurovisión que se vén de celebrar en Oslo para roubarlle o protagonismo ao artista español Daniel Diges. De maneira ben esclarecedora, Jump levaba posta unha camiseta publicitaria da súa páxina web.
A aparición do catalán, de nome verdadeiro Jaume Marquet Cot, significou para a súa propia persoa un pouco de todo. Por unha banda, unha multa de 1.800 euros por parte das autoridades norueguesas e unhas cantas horiñas na cadea. Pola outra, un subidón de visitas á súa web persoal e ao seu espazo en Facebook, onde non que ter moito maxín para deducir que ofrece en letras ben grandes: unha ligazón á web da canle de televisión TV2 Nyhepne na que se achega o vídeo da discordia, co cantante Diges facendo coma se nada (segue a cantar sen emprestarlle atención ao espontáneo) e Marquet amosando o seu sorriso e o seu pucho catalán. Por certo que a páxina web deste último pasou nas últimas horas de 9.000 a 20.000 seareiros que lle declaran a súa admiración. Podemos ver a aparición de Jump no vídeo que RTVE mantén na Rede sobre o incidente, que, por certo, obrigou ao artista que si que estaba convidado a repetir logo a súa actuación.
O espontáneo de Eurovisión duplicou estes días os seus seareiros no Facebook
Compartir Este Artigo
