A Asociación Comunidade O Zulo, que botou a andar no 2004 no concello ferrolán de Mugardos coa preparación do primeiro ciberencontro da localidade: o Kernel 2004, vén de anunciar a celebración, por sétimo ano consecutivo e en colaboración coa propia entidade local, das súas Xornadas de Software Libre Concello de Mugardos, que terán lugar o vindeiro 26 de xuño de 2010 no salón de plenos do concello.
Segundo apuntan na web de Mancomun onde recentemente se fixeron eco da nova, trátase das primeiras xornadas que a Comunidade o Zulo organiza dende que se constituíu oficialmente como asociación sen ánimo de lucro, e o programa conta coa participación de membros doutras asociacións galegas de usuarios de software libre como Ghandalf ou Trasno, entre outras.
As xornadas, que como nas edicións anteriores serán abertas e de balde para tódolos asistentes, servirá para achegarlle as vantaxes do software libre ás persoas interesadas en cambiar a aplicacións baratas ou gratuítas, que resolvan de xeito doado as tarefas diarias que os usuarios das TIC viñan resolvendo con aplicacións privadas.
O programa das xornadas é o que segue:
Mañá
-11:00 – 12:15 Achegamento a Ubuntu 10.04 ; por Oscar Amor.
-12:30 – 13:30 Drupal, máis que un xestor de contidos ; por Alberto Permuy (Comunidade o Zulo)
Tarde
-16:15 – 16:30 Presentación da Asociación Comunidade O Zulo
-16:45 – 17:30 Procesos de localización ó galego; Proxecto Trasno
-17:45 – 18:00 Pausa
-18:15 – 19:00 P2P: estado actual, somos todos piratas?; Carolina Montero (Comunidade o Zulo)
19:00 – 19:45 Dominios interoperables. A convivencia é posible: Sistemas libres e privativos; por Roberto Vieito (Asociación Ghandalf).

