A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia (AETG), no marco dun convenio de colaboración asinado co Centro Tecnolóxico Gradiant para promover o uso eficiente das TIC no entorno universitario, vén de convocar unha nova edición do seu premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral Aplicada no sector das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) que patrocina o devandito Centro Tecnolóxico.
O premio, que recoñece con 2.000 euros as investigacións que resulten galardoadas polo xurado, entregarase no marco da XV Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, punto de encontro dos profesionais e das empresas deste sector, que terá lugar o vindeiro venres, 3 de setembro, no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela.
Tanto Gradiant como a AETG, convocan este concurso coa intención final de promover a realización de investigacións “como vehículo de xeración de coñecemento”, así como para recoñecer o mérito daqueles investigadores das universidades galegas que teñan completada a súa tese doutoral nun edio aplicable ao sector TIC.
A este premio poderán concorrer aquelas persoas que teñan defendido a súa tese doutoral nalgunha das tres universidades galegas entre os anos 2008 e 2010 e que poida encadrase nalgunha das seguintes áreas: transferencia tecnolóxica (patentes, licenzas…) ou orientación ao negocio.
As persoas interesadas en optar ao premio deberán enviar por correo electrónico a administracion@coetg.es ou aetg@aetg.org, unha ficha resumo da tese e o propio resumo indicando as razóns polas que debe ser premiada (dous folios).
O prazo de recepción das memorias rematará o vindeiro 30 de xuño.
Na imaxe, o director técnico de Gradiant, Javier González Castaño, entregando o Premio Gradiant 2009 ao galardoado da primeira edición, Daniel González Jiménez, pola súa tese Improvements in Pose Invariance and Local Description for Gabor-based 2D Face Recognition. Nela valorouse, segundo informan dende a entidade, “a calidade técnica do traballo relacionado coa implantación dos sistemas de recoñecemento facial en contornos realistas, as súas aplicacións prácticas e o uso da tecnoloxía na industria e da transferencia de coñecemento ao sector das TIC”.
A AETG premia a mellor tese doutoral aplicada no sector das TIC
Compartir Este Artigo

