Este sábado 5 de xuño celébrase na Illa da Toxa (no Talaso Hotel Louxo, na imaxe) a primeira edición das Xornadas de Informática Xudicial e Delitos Informáticos, organizadas polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e a máis a Secretaría Xeral de Modernización, ao abeiro dun programa formativo conxunto asinado recentemente por ámbalas dúas partes. Os encontros, especialmente indicados para xuíces, maxistrados e profesionais en xeral das novas tecnoloxías do coñecemento, servirán para dar conta do máis avanzado do eido da informatica xudicial e para concienciar sobre o potencial dos peritos informáticos nas causas postas en marcha.
Tal e como vimos comentando os días pasados dende esta mesma web (na que, por certo, informamos da participación nos encontros de Eloy Velasco, xuíz da Audiencia Nacional), para inscribirse nesta xornada é preciso cumprimentar unha folla de matrícula accesible a través da páxina web do CPETIG e que dá dereito á inscrición definitiva unha vez aboado o importe requirido. O prazo ficará aberto ata o 31 de maio.
O programa da xornada quedaría deste xeito:
· Presentación: 10 h.
· 1º relatorio – O Dereito ante as novas tecnoloxías – Miguel Ángel Davara Rodríguez (oresidente e fundador da firma madrileña de asesores xurídicos Davara & Davara, especialistas en Dereito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións)
· 2º Relatorio – A investigación de delitos por internet e outras novas tecnoloxías –Eloy Velasco Núñez (maxistrado-xuíz Instructor da Audiencia Nacional)
· Pausa – café
· 3º Relatorio – O inevitable da proba electrónica nos procedementos xudiciais do século XXI – Paloma Llaneza (avogado, CISA, socio director de Razona Legaltech e Presidenta de AEDEL)
· 4º Relatorio – Práctica Forense: aseguramento, cadea de custodia e análise das evidencias informáticas – Juan Salom Clotet (xefe do Grupo de Delitos Telemáticos da Garda Civil)
· Mesa Redonda: Cara á dixitalización da práctica forense. Desafíos e retos da proba electrónica na Xustiza do século XXI.. Moderador: Juan Bautista Quintás Rodríguez (Maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia). Interveñen: Luis María Uriarte (Fiscal especialista en criminalidade informática da provincia de Pontevedra), Francisco Javier Sanz Larruga (Profesor Titular da UDC especializado en Administración Electrónica), Miguel Abal González (Perito Informático Experto do CPETIG), Miguel Ángel Davara Rodríguez, Paloma Llaneza Razona, Juan Salom Clotet.
· Despedida e peche.
· Xantar: 14:00 h.
A Toxa acolle este sábado os primeiros encontros galegos de informática xudicial
Compartir Este Artigo
