Hai moito tempo xa que a televisión deixou de ser un obxecto de culto para converterse no que todo o mundo coincide en definir como “unha caixa tonta” que non ten máis utilidade que entreter á xente con absurdos programas de cotilleo nos que se poñen a parir a aquelas persoas que nalgún momento das súas vidas decidiron que non lles importaba facer pública a súa vida sentimental.
O caso é que grazas a un proxecto pioneiro que están a desenvolver alumnos da ETSE de Vigo, a televisión vai camiño de converterse nun aparello esencial para o día a día das persoas dependentes do noso país, que atoparán nela a axuda ideal para solventar os problemas que vaian xurdindo no seu quefacer diario.

A idea deste proxecto é que os televisores que leven incorporada a plataforma que están a deseñar na ETSE de Telecomunicación de Vigo, melloren as vidas no fogar das persoas dependentes, dunha maneira doada; como? pois a través dunha iniciativa que eles mesmos definen como “sinxela e accesible” que pode estar lista para finais deste ano.
Ata entón investigadores e usuarios traballan de xeito conxunto, segundo palabras de Manuel José Fernández Iglesias, un dos profesores que participa na investigación, “para acadar unha solución tecnolóxica o máis sinxela, o máis barata e o máis útil posible”.
O proxecto é unha das principais liñas de traballo dos grupos de investigación que forman parte de Acetic, a agrupación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, unha das catro que seleccionou a Xunta de Galicia na Universidade de Vigo (só existen oito en toda a comunidade) dentro dunha convocatoria de axudas para consolidar as unidades de investigación máis competitivas e que dirixe a profesora, Nuria González Prelcic.
O traballo integra tarefas de desenvolvemento e innovación que se levan a cabo entre os diferentes grupos de investigación que forman parte do agrupamento, neste caso varios grupos dos departamentos de Enxeñaría Telemática e Teoría do Sinal e as Comunicacións. “Trátase de sumar o coñecemento e a experiencia que ten cada un dos grupos para desenvolver proxectos moito máis ambiciosos e con moitísimo máis impacto”, subliña Fernández Iglesias.

Desde a escola destacan este aspecto porque os ordenadores, malia que cada vez son máis amigables para determinados perfís da poboación, non son a mellor ferramenta para chegar a este colectivo, que atopa na televisión o que outros atopamos nos ordenadores; é dicir, a súa fonte de entretemento.
Outro dos criterios básicos da parte técnica para levar este proxecto aos televisores é que os aparellos teñan un custo moi reducido para lograr que efectivamente sexa factible o seu desenvolvemento
Todo o desenvolvemento do proxecto estase a realizar tendo en conta e traballando man a man cos principais destinatarios dos servizos, polo que, segundo informan dende a Universidade, “son habituais as reunións de traballo con asociacións como a Cruz Vermella, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, Cogami; a Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares, Asem Galicia; a Asociación Galega de Xerontoloxía no Traballo Social, Axetra; a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer ou a Asociación de Enfermos de Párkinson de Vigo”.
Estudantes galegos traballan nun proxecto pioneiro para axudar a dependentes no fogar
Compartir Este Artigo

