A Rede, tan tecnolóxica ela, serve de novo para coidar do medio. Ou, polo menos, para que se saiban polo miúdo que cousas se lle están a facer aos nosos ecosistemas. Disto e de facer fronte común é do que trata o blog Picovello, onde se están a pór en marcha iniciativas para evitar que a paraxe natural á que se refire o nome da bitácora (na imaxe), situada no concello das Pontes (preto das Fragas do Eume) se converta no emprazamento dunha nova mina. Os responsables do caderno, coa axuda de diversos colectivos ecoloxistas da nosa terra, están xa tirar partido da Internet para lograr, polo medio de múltiples clics, que se pare o proxecto da explotación de andalucita. En Salvalaselva xa está habilitado o espazo para a protesta colectiva.
Asemade, dende Picovello pídese o reenvío masivo dos correos electrónicos onde se convida á mobilización.
A campaña, da que se nos fala tamén en Chuza!, busca como dixemos a preservación da devandita paraxe das Pontes perante o proxecto mineiro arestora en marcha, iniciativa que a xuízo dos colectivos ofrece unha serie de postos de traballo que non xustificarían a destrución dun espazo de “gran importancia ambiental, nin moito menos o risco no que se pon a saúde da xente contaminando as augas que se empregan”.
Cómpre lembrar que se trataría dunha mina de andalucita, un mineral apto para a fabricación de materiais que soportan altas temperaturas e que logo se aplican na construción de fornos industriais para a industria química ou petroleira. A posta en marcha dun proxecto coma este, lembran, suporía a destrución do nacemento do río Belelle, que abastece a unha boa parte das poboacións próximas. Asemade, a zona está preto do río Eume, principal achega de auga do Parque Natural ao que lle dá nome, “o que suporía un perigo continuado para a calidade das súas augas, tanto polas emisións de po e efluentes, como pola posibilidade da rotura das balsas de decantación”.
Mobilización na Rede para salvar o Pico Vello da construción dunha nova mina
Compartir Este Artigo
