Maña, enxeño, maxín, creatividade… e sobre todo, moita, moita paciencia é o que se precisa para facer unha creación audiovisual semellante á que fixeron os e as alumnas do IES Leiras Pulpeiro de Lugo para gañar o concurso de stop-motion que a Secretaría Xeral de Medios convocou para celebrar os primeiros 25 anos de vida da CRTVG.
A aula audiovisual do Centro Multimedia de Galicia (CMG) vén precisamente de dar acollida á entrega de premios aos gañadores dos distintos eventos convocados na Rede para a ocasión, e a ela non faltaron nin o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, nin o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, que presenciaron con entusiasmo a visualización do proxecto gañador.
Os rapaces e rapazas que convenceron ao xurado do premio á mellor animación con plastilina, recibiron a prometida videocámara dixital con moita ilusión, polo que é de agardar que a partir de agora nos sorprendan novamente con pezas tan divertidas como a que nos brindaron para o concurso, malia que algúns afirmaban que “pese a ser moi divertido traballar coa técnica do stop-motion, dá moito choio” e non lles gustaría dedicarse a isto no futuro.
Porén, tanto o secretario xeral de Medios como o director xeral da CRTVG animáronos a seguir con este labor e a levar o audiovisual galego ao máis alto, sempre apostando pola nosa lingua como o leva facendo a CRTVG ao longo destes 25 anos.
No acto tamén se aproveitou para entregarlles os merecidos galardóns aos gañadores dos outros dous concursos convocados para o aniversario do noso ente comunicativo máis importante: o Que está a pasar nas aulas da Rede CeMIT e As grandes frases da dobraxe da Galega, dos que saíron vencedores Alfredo Brambila Galindo e Felipe Crespo Lombardía, respectivamente, que obtiveron cadansúas videocámaras dixitais.
A maiores, no primeiro certame houbo outros dous premiados: Marcos González Bermúdez, que levou un reprodutor blu-ray, e Álvaro Lorenzo Rey, quen recibiu un disco duro externo de 500 Xigabytes e 2,5”.
Por outra banda, no concurso As grandes frases da dobraxe da Galega, na que resultou elixida a emblemática “vai rañala, raparigo, de Terminator”, tamén se concederon cadansúas mencións á promoción viral a aquelas persoas que máis empregaron as etiquetas propostas, resultando gañadores Alfredo Brambila e María Pilar Fernández Iglesias, que foron agasallados cun reprodutor blu-ray e un disco duro externo cada un.
Durante o acto, o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, lembrou que este proxecto de colaboración entre o seu departamento e a CRTVG, “nacía co obxectivo común de potenciar os avances tecnolóxicos cos que conta o noso país no ámbito das comunicacións”, así como de “facer partícipe desta celebración a toda a cidadanía”.
Neste senso, Cabaleiro salientou o gran éxito de participación de toda a poboación nas devanditas actividades, ás que se achegaron máis de dúas mil persoas procedentes de toda Galicia, así como a afluencia de visitas á web do evento, que andou polas 2.000 visitas ao mes.
Pola súa banda, o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, que recibiu un recoñecemento da man do secretario xeral (un agasallo que por certo estaba fora do programa e sorprendeu a tódalas persoas asistentes), aproveitou a ocasión para agradecerlle á Secretaría Xeral de Medios a súa colaboración así como “as numerosas facilidades ofrecidas para poder compartir coa cidadanía galega, dun xeito próximo, este simbólico aniversario”.
Choiva de premios tecnolóxicos no Centro Multimedia de Galicia
Compartir Este Artigo

