Canon, histórica empresa centrada no eido da imaxe (primeiro analóxica e agora sobre todo dixital), vén de anunciar a celebración na Coruña da segunda edición do seu obradoiro itinerante de fotografía, logo da primeira entrega desenvolvida en Bilbao. A actividade, chamada DigitalFood Pro Workshop, é segundo indica o seu nome unha tentativa de cinguir dous mundos, o da tecnoloxía e o da gastronomía, co obxectivo de obter os mellores resultados de cada un. En palabras da propia empresa organizadora, trátase de resumir a meirande cantidade de sensacións (aromas, cor, texturas) achegadas polos alimentos nun fotograma.
O encontro celebrarase na cidade galega o vindeiro 17 de xuño, máis polo miúdo no restaurante A Mundiña.
Contarase para o seu desenvolvemento co apoio de Foto Artús, Bodegas Luís Alegre e o devandito local hostaleiro, emprazamento do certame. Este, que como dixemos será o segundo dunha serie que se prevé longa en España e Portugal, vai dirixido a fotógrafos profesionais, estudantes de fotografía e seareiros avanzados, abranguendo un proceso integral que incluiría dende a posta en longo dun bodegón ata a impresión do resultado final, pasando pola toma da foto.
Amais dos devanditos apoios, na experiencia tamén participará o fotógrafo galego Enrique Touriño Marcén. O obradoiro dará comezo cun relatorio de Asunción López, experta en economía doméstica, quen afondará na importancia e nos segredos dunha boa escolma e presentación de alimentos. Logo, pasarase ao proceso de produción e á toma de fotografías propiamente dita. As persoas que desexen inscribirse na actividade, deberán pórse en contacto con Foto Artús a través da seguinte conta de correo electrónico: raquel@fotoartus.com.
Canon integrará tecnoloxía e gastronomía no seu obradoiro do día 17 na Coruña
Compartir Este Artigo
