
A proposta, que nunha primeira ollada semella distinguirse pola amplitude do seu alcance, encamíñase a xuntar as vantaxes do lecer dixital co desenvolvemento das capacidades mentais de cada quen. De feito, segundo informa Xornal.com, baséase no impulso á intelixencia emocional, que non é outra cousa que a facultade que temos de recoñecer sentimentos nosos e dos demais.
A iniciativa en cuestión, que conta cun orzamento de máis de un millón de euros (incluíndose nel unha subvención da Xunta), conta arestora cunha etapa do traballo rematada, a do deseño propiamente dito, estando a de programación, que é a segunda, xa a piques de chegar á recta final.
O proxecto é un proxecto a moitas e variadas mans: enriquécese da colaboración directa dos informáticos e máis os físicos do grupo MAR (Multimedia, Animación e Realidade Virtual) con expertos en psicoloxía e psiquiatría, entrando tamén en xogo estudantes e titulados da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC. Como se dixo, Continental tamén forma parte do grupo de traballo, máis polo miúdo a través da súa filial centrada na elaboración de videoxogos, Continental Games. A dirección do traballo corre a cargo de Julián Flores González, quen sinala nun comunicado da USC que do se trata con esta achega é de ter a posibilidade de avanzarmos na intelixencia emocional, máis en detalle avaliando aspectos como a posición do corpo ou as expresións da faciana do xogador, analizando tamén as reaccións que amosa a determinadas preguntas.
Continental e a Universidade de Santiago ultiman o seu videoxogo sobre intelixencia emocional
Compartir Este Artigo
