
A axuda consistiría en enriquecer o tradutor estatístico con novas palabras e, a raíz diso, contribuír á plantación de especies autóctonas por toda a nosa xeografía.
A máis Carvalho, máis carballos.
O xermolo do proxecto está no desenvolvemento final de outro previo, concretamente do Opentrad. Segundo nos contou José Ramon Pichel, director da área de I+D, hai unha realidade que cómpre ter en conta: Opentrad, o sistema aberto de tradución automática de Imaxin, chegou a un tope de calidade lingüística. A partir de aí, abriuse unha liña de tradución automática que, casualmente (isto descubrise despois) foi a mesma que seguiu o buscador Google. Esta liña partiu do alicerce de que para a posta en marcha dun novo tradutor de inglés e de galego non existían corpus paralelos entre as linguas que fosen grandes de abondo. “Non había material”, contan, polo que se apostou polas teorías de senlleiros romanistas e por botar man dos corpus de portugués e inglés a través das actas do Parlamento Europeo, un material libremente dispoñible. Con esta materia prima, e procedéndose a adaptar os termos portugueses ao galego, chegouse a “un resultado espectacular dende o punto de vista da calidade dos resultados obtidos”, sinalan dende Imaxin.
Nalgún destes puntos é cando se descubriu que Google seguira un vieiro semellante, pero con diferenzas a ter en conta, como por exemplo o feito de que a ferramenta do buscador non sexa quen de diferenciar de xeito claro entre galego e portugués. Google, que ten máis corpus e unhas máquinas de tradución máis potentes, perde terreo ante Carvalho no que atinxe á adaptación dunha lingua a outra de textos técnicos.
“A conclusión”, engaden dende Imaxin, “é que grazas á lusofonía o galego pode acceder a ferramentas lingüístico-informáticas ata agora inconcibibles”. En termos máis concretos, o traballo despregado serviu para ofrecerlle á comunidade internauta o primeiro tradutor automático e estatístico inglés-galego en código aberto, o que entre outras cousas implica (pois no eido do desenvolvemento tecnolóxico nada ten un fin real) a apertura de novas portas para máis ferramentas e linguas. O proxecto é froito do seu tempo: xorde dun punto da nosa historia en que se rexistra un nivel alto de sentido común no aproveitamento dos servizos en liña dispoñibles, e isto reflíctese en parte no afianzamento do traballo colectivo. “Trátase dun prototipo que se pode mellorar”, din, “e sobre todo coa xente contribuíndo con máis traducións de inglés-portugués”. Neste senso, é ben probable que dende Imaxin estean a discorrer unha nova tendencia web: a tradución 2.0.
Con todo, e tal e como se amosou cun exemplo concreto de tradución do inglés ao galego, o recurso xa dá resultados ben aceptables. “A idea é que se entenda o texto”, aclarou José Ramon, non se pretende algo perfecto pero si un texto ben comprensible. “Temos que pensar que o carbón non é o galego, que a materia prima é portuguesa”, engadiu. A medida que se engadan termos e se amplíe a variedade dos textos incluídos (pasando dos modelos técnicos que se impoñen arestora a raíz das devanditas actas a abranguer todo tipo de linguaxes), os resultados serán aínda mellores.
Como dixemos, Carvalho é un tradutor estatístico e, como tal, achega o factor humano que lle falta aos de outra índole. Porén, apuntan os rapaces de Imaxin, pérdese un aquel de homoxeneidade no resultado, habendo partes moi ben traducidas e outras non tanto. O obxectivo é chegar a unha hibridación que recolla as vantaxes de uns e de outros.
Para máis información sobre Carvalho, cómpre visitar carvalho.imaxin.com, onde se dá conta da natureza e das vantaxes da ferramenta a través dunha boa serie de textos e de vídeos ilustrativos. Neste intre, o recurso está dispoñible para pasar textos dunha lingua a outra, pero aínda non se pode botar man del para a súa aplicación en páxinas web.
No acto de presentación celebrado en Santiago participaron José Ramon Pichel, Paulo Malvar (responsable de Produto e un dos desenvolvedores de Carvalho) e máis Diego Vázquez (director de Márketing de Imaxin).
Imaxin presenta a ferramenta Carvalho, tradutor inglés-galego con tecnoloxía estatística
Compartir Este Artigo
