Segundo un informe presentado hoxe mesmo pola firma de solucións de seguridade en liña, Symantec, os mozos e mozas do noso país “pasan como media un 10 por cento máis de tempo na Rede en comparación co ano pasado”. Isto, que en principio é algo totalmente normal e do que non teñamos que preocuparnos en absoluto, sí que é un tanto inquedante se engadimos que “os fillos desexan que os seus pais participen máis nas súas vidas en liña”.
O Norton Online Family Report, indica que ao longo dos últimos tres anos, as condutas seguidas na Rede por pais e fillos foi variando moito, e neste intre ambos grupos foron solventando diferencias ata saber ao detalle a conduta que segue cada un en Internet e o tempo que lle dedican ao día a este medio.
Norton acudiu directamente á fonte e logo de entrevistar a 2.800 mozos e mozas e a máis de 7.000 adultos de 14 países sobre as súas vidas e as súas experiencias en liña, o resultado foi un punto de vista concluínte que non deixa lugar a dúbidas sobre as experiencias en liña dos máis mozos.
A este respecto, tan só un 45 por cento dos proxenitores danse conta das experiencias en liña negativas dos seus fillos e fillas e malia que xeralmente son conscientes das actividades nas que participan, o caso é que infravaloran a súa capacidade para descargar contidos de todo tipo, incluíndo os inapropiados.
Os mozos e mozas, pola súa parte, “senten o fuerte impacto emocional das experiencias en liña negativas” e entre as emocións que soen sentir destacan o enfado (39 por cento), a molestia (36 por cento), o medo (34 por cento) e a preocupación (34 por cento).
Destaca neste estudo que os fillos “desexan que os pais participen máis nas súas vidas en liña e que confían neles cando algo vai por mal camiño na Rede”.
Asemade, segundo o informe, preto do cen por cento dos enquisados afirmaron cumplir coas normas familiares á hora de empregar Internet, o que supón que o seu comportamento en liña debe de ser o “axeitado”.
Xa que logo, os mozos e mozas deste país coñecen moitas das regras de “sentido común” para garantir a súa seguridade en liña, porén as antigas normas non son dabondo para manter o ritmo do mundo en liña e dos seus rápidos cambios e Norton vén de publicar unha serie de consellos de utilidade para eles:
-Prepare aos seus fillos para as malas experiencias que poidan ter na Rede; non espere ata que algo aconteza.
-Destaque a importancia de pensar antes de facer clic e descargar contidos.
-Utilice un asesor de buscas para axudar a identificar se un sitio web é seguro ou perigoso.
-Fágalle saber aos seus fillos que o que lles aconteza na Rede é unha responsabilidade compartida; os mozos non poden responsabilizarse totalmente do que lles aconteza en liña.

