O Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación vén de concederlle o Premio Ericsson ao mellor proxecto final de carreira en Aplicacións para Contornos Multimedia a Daniel Pereira, investigador do centro galego Gradiant e máis polo miúdo do seu grupo de Información Multimodal. A resolución do certame, que se deu a coñecer a finais do pasado mes, recoñece deste xeito o importante labor de innovación deste investigador natural da Cañiza, máis polo miúdo a través do seu proxecto Deseño dun sistema multitáctil para a Detección de Xestos con Seguimento de puntos de contacto.
Pereira, quen o pasado 23 de xuño recolleu o premio persoalmente en Madrid, é titulado en Enxeñaría de Telecomunicacións, especialidade en Comunicacións, pola Universidade de Vigo en 2009.
O proxecto que salientou o COIT co dito galardón desenvolveuno durante un período de prácticas no centro Gradiant, baixo a dirección de Alfonso Villar.
Por certo que este galardón non é o único desta natureza que reciben os investigadores do centro de desenvolvemento vigués, pois cómpre lembrar que Luís Pérez Freire gañou o ano pasado o premio á mellor tese doutoral nunha das modalidades do COIT e que Daniel González Jiménez obtivo o galardón á mellor tese nunha das modalidades do certame que convoca o COETG-AETG. Asemade, Enrique Sánchez recibiu o terceiro premio polo seu proxecto final de carreira no IX Concurso de Proxectos de Expourense.
O CEIT premia o traballo do investigador galego Daniel Pereira
Compartir Este Artigo
