A Universidade de Vigo ten programado para esta semana un encontro no concello de Celanova sobre o futuro da creatividade audiovisual, agora máis que nunca discorrendo sobre canles que corren risco de incompatibilidade, como por exemplo a exhibición cinematográfica tradicional, as redes e a televisión dixital. O evento, que se desenvolve do 7 ao 9 de xullo no Mosteiro de San Rosendo, contará coa presenza de Miguel Anxo Fernández, profesor de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo, que non dubida á hora de cualificar a relación do cinema e a televisión de “conflitiva”. Isto é así, subliña, dada a oposición dalgunhas cadeas televisivas á hora de dirixir unha parte dos seus beneficios á posta en marcha de novos produtos cinematográficos, malia ser estes parte fundamental da grella de aquelas. Amais de Miguel Anxo Fernández, daranse cita en Celanova profesionais de ámbalas dúas beiras do negocio e docentes universitarios, como por exemplo os profesores Anna Amorós, Paulino Pérez, Toño López ou Breogán Riveiro.
O encontro Cine e televisión. Cara e cruz intégrase no programa formativo de Extensión Universitaria. A actividade, que vai pola súa sétima edición, conta co apoio do Campus de Ourense a través da Vicerreitoría, da Fundación Carlos Casares, da Deputación, do Consorcio Audiovisual de Galicia e do Concello de Celanova. Segundo apuntou no acto de presentación (na imaxe) do evento a vicerreitora do Campus, María Lameiras, trátase dun dos cursos de verán de máis éxito dos que se organizan no seo da Universidade. Na rolda de adianto dos contidos e obxectivos da actividade tamén participou o director do Consorcio, Anxo Quintanilla, quen dixo que o evento en cuestión é “un dos máis atractivos que hai en España non só polos contidos senón tamén polos relatores que conforman un programa de gran calidade”. Ao acto asistiron tamén Antonio Mouriño, alcalde de Celanova e Francisco González, director do Centro Cultural Deputación.
Celanova acolle estes días un encontro sobre o futuro do cinema e a televisión
Compartir Este Artigo
