Se onte falabamos nesta web dun coñecido persoeiro do eido editorial e da súa postura contraria ás vantaxes da Rede, sen matices, agora toca falar dun punto de vista diferente. Máis polo miúdo, de coller a Internet de fronte, asumir as súas vantaxes e empregala para a transmisión do coñecemento de longo alcance. Nesta postura é onde se sitúa a nova andaina da revista Agália, unha publicación que leva xa 25 anos saíndo prelo e que, para conmemorar este tempo e o que fica por chegar, ofrécese na Internet abranguendo a colección completa: 100 números. Podemos vela na loxa en liña Imperdivel, tenda dixital posta en marcha para afianzar o coñecemento da lusofonía.
A colección, que inclúe reseñas de Carlos Quiroga (para quen o máis “fulgurante” do noso coñecemento acontece agora en Internet), está xa a venda a través da Rede por só 185 euros, o que equivale a menos de dous euros por cada número. A revista, sustentada pola Associaçon Galega da Língua (AGAL), é un dos principais altofalantes da nosa comunidade reintegracionista, dende unha óptica investigadora e científica, e en todo intre recuperando pontes con Portugal. Entre os máis senlleiros colaboradores da publicación inclúense mestres galegos de doutras nacionalidades como Carvalho Calero, Rodrigues Lapa, Coseriu, Guerra da Cal, Jenaro Marinhas, Joan Coromines, Gladstone Chaves de Melo, Evanildo Bechara, Leodegário A. de Azevedo Filho, Sílvio Elia, etc.
Á venda na Rede a colección completa da revista Agália
Compartir Este Artigo
