
Os encontros, polos que están a pasar persoeiros da docencia TIC como Juan Manuel Dorero (presidente do Capítulo Español do ACM Special Interest Group on Computer Science Education), xurdiron en 1994 como emprazamento para o intercambio de ideas e experiencias entre profesores universitarios de informática e grupos de investigación.
Segundo informa a USC, para esta convocatoria do evento reuníronse 138 propostas de comunicación, o que significa un medre do 30% respecto á anterior edición. Delas, tras un proceso de escolma, foron incluídas 70 para a súa presentación.
O seu abano temático é variado, malia basearse unha boa parte en novos métodos para formar á comunidade estudantil en novos contidos, entre os que se contan os seguintes: programación, bases de datos, seguridade, fundamentos teóricos, arquitectura de computadores ou sistemas operativos.
Asemade, tamén se están a tratar aspectos xenéricos do proceso de ensinanza, como o seguimento do alumnado ou a procura de recursos para asegurar a calidade na docencia. Nesta última liña sitúase precisamente a mesa redonda que pecha a xornada do venres, ás 11.00, moderada pola profesora Rosana Satorre e participando nela o catedrático da Universidade de Granada, José Luis Verdegay; o catedrático de escola da Universidade de Alacante, vicerreitor de Tecnoloxía e innovación educativa e membro da Comisión Executiva Sectorial TIC da CRUE, Faraón Lloréns; e a profesora da Universidade de Alacante, Rosana Satorre, que actuará como moderadora. O evento está organizado pola ETSE, a USC e a Asociación de Enseñantes Universitarios de Informática (AENUI) co patrocinio da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia e Coremain.
Máis dun centenar de profesores en enxeñaría informática comparten experiencias na USC
Compartir Este Artigo
