O Concello de Santiago vén de pór en marcha a segunda edición dun certame que premia a través da Rede as mellores propostas particulares para adobiar a cidade, máis polo miúdo a través dos conxuntos florais que cada veciña/o dispón nas súas xanelas e/ou balcóns. Como dixemos, os recoñecementos ás diferentes achegas chegan a través de Internet, xa que son os usuarios da plataforma dixital os que valoran a calidade de cada conxunto mediante as fotos que se expoñen. Imaxes hai de tódolos recantos da zona vella da cidade, e cada unha delas inclúe o enderezo da casa en cuestión, o nome da/o propietaria/o e máis o número de votos que leva recadados.
Neste intre vai en cabeza, por certo, o número 40 da rúa do Espírito Santo, achega que ten aínda máis mérito se temos en conta as obras que se están a realizar na dita vía. A moi pouca distancia está o balcón do número 17 da Carreira do Conde que, tal e como se contaba onte en El Correo Gallego, atopábase ata hai ben pouco no primeiro posto.
O prazo para elixir a gañadora ou gañador deste Premio do Público mantense aberto ata o vindeiro día 15. Neste intre, contabilízanse preto de 50 achegas. Amais deste premio no que participan de xeito directo os internautas (valorado en 75 euros) tamén se inclúe o galardón do xurado, cunha contía de 200 euros para o primeiro clasificado, 100 para o segundo e 50 para o terceiro.
O Concello de Santiago anima aos internautas a votar polos balcóns mellor adobiados
Compartir Este Artigo
