O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia vén de dar por concluído o curso 2009-2010 co moi bo sabor de boca e con moi boas expectativas de cara ao vindeiro ano, xa que durante o mesmo levou a cabo un total de 47 accións formativas que sumaron máis de 2.705 horas de formación e que espertaron o interese por asistir dun total de 5.397 usuarios e usuarias, un 33,83 por cento máis que no pasado curso académico.
Os cursos ofertados polo CNTG abranguen as distintas áreas do sector: Administración de sistemas, desenvolvemento, redes, seguridade, dirección e xestión de proxectos. Ademais, atendendo ao seu principio de neutralidade tecnolóxica, inclúen alternativas de formación baseadas nas distintas solucións que conviven no mercado, tanto as relativas a software libre como propietario.
O número de alumnos admitidos ás accións formativas foi de 703, o que representa o 100 por cento das prazas ofertadas. Atendendo ao seu carácter de ocupado ou desempregado do traballador/a, o 52 por cento dos alumnos eran ocupados do sector privado, o 42,5 por cento desempregados e o 5,5 por cento restante pertencían ao sector público.
É preciso salientar que para acceder a calquera dos cursos impartidos polo Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia da Dirección Xeral de Formación e Colocación cómpre superar unha proba previa que permite seleccionar a aqueles solicitantes cos coñecementos mínimos necesarios para facer fronte aos contidos da formación que van recibir e, en paralelo, tratar de configurar grupos homoxéneos de alumnos.
Do mesmo xeito, algúns dos cursos formativos dábanlle ao alumnado a posibilidade de realizar de balde algún exame de certificación. De feito, dos 47 cursos ofertados, case o 77 por cento ofreceron esta proba.
Esta porcentaxe, segundo afirman dende o CNTG, “chegará ata o 80 por cento na vindeira oferta formativa, na que se incrementará o número de cursos programados ata superar os 50”.
A oferta formativa correspondente a programación 2010/2011 publicarase no vindeiro mes de agosto, e está previsto que o prazo de inscrición para os cursos a celebrar no cuarto trimestre de 2010 comecen o vindeiro día 1 de setembro.
Sector audiovisual
Froito dun convenio de colaboración asinado entre a Dirección Xeral de Formación e Colocación e o Clúster do Audiovisual galego, o CNTG tamén acolleu diversos cursos de formación técnica e especializada dirixidos a profesionais ocupados do sector audiovisual galego.
As accións formativas complementáronse coa celebración de diversos seminarios tecnolóxicos e xornadas informativas, sensibilizadoras ou dinamizadoras que foron posibles grazas a convenios de colaboración asinados cos distintos fabricantes tecnolóxicos, así como coas diversas asociacións empresariais e intersectoriais representativas do sector TIC galego.
É preciso destacar, polo pioneiro e novidoso da iniciativa, a realización nas instalacións do CNTG do I Foro galego de Cloud Computing; a celebración do TechNet Microsoft, no que se presentaron o Windows7 e o Windows Server 2008 R2; o seminario sobre a norma ISO 27000 e a seguridade en redes e a presentación do proxecto para emprendedores LinkToStart.
Páxina web
Por outra banda, o número de visitas realizadas á páxina web do CNTG, no período transcorrido entre agosto de 2009, mes no que se publicou a oferta formativa, e o 18 de xuño de 2010, día no que se celebrou o derradeiro exame de certificación, acadou a cifra de 117.795 accesos, cunha media diaria de 365,82 visitas, dato que supón un incremento en canto ao número de visitas recibidas respecto ao ano anterior próximo ao 40 por cento.

