A Rede en si mesma vai cara adiante, mais o que non semella que vaia cara adiante como debería é o afianzamento de aquela en España. O avance do Estado neste senso nos últimos anos, malia terse dado, non abonda como para equiparar os seus índices ao dos países máis desenvolvidos dixitalmente da Unión Europea, e nin tan sequera aos da zona media da táboa. Isto é o que se desprende do informa The Lisbon review 2010 que reflicte estes días na súa web (con espírito crítico acerca dos esforzos de España para entrar de cheo na Sociedade da Información) o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia. O estudo, que sitúa a España na vixésima posición en impulso as redes do coñecemento (retrocedendo tres postos e polo tanto á cola de Europa), vai dirixido a valorar o cumprimento dos estados da UE de cara á Estratexia de Lisboa, na que se especifica o obxectivo de acadar unha elevada penetración das TIC nos sistemas produtivos europeos.
En vista dos malos resultados obtidos por España, o dito colexio considera que a SETSI (Secretaria de Estado para as Telecomunicacións e a Sociedade da Información) non foi quen de contribuír a mellorar os servizos das redes de datos e o que fixo foi “colocar a España na cola de Europa”.
Asemade, sinalan que é precisa a dimisión do secretario da SETSI (Francisco Ros), ou o seu cesamento inmediato. Por certo que nestes puntos tamén coinciden os colexios de Enxeñaría e Enxeñaría Técnica Informática que están agrupados nas organizacións CCII- CONCITI. Para as entidades que integran esta fronte común, a recente supresión da Dirección General de Sociedade da Información, co obxectivo de reducir gastos, “suporá que no vindeiro estudo que se efectúe retrocedamos aínda máis postos ao non contar xa nin sequera cunha Dirección Xeral que polo menos intente desenvolver a Sociedade da Información en España”.
Os informáticos piden dimisións polos malos resultados de España en afianzamento de redes
Compartir Este Artigo
