Non todo van a ser benvidas á visita papal preparada para o vindeiro mes de novembro, e máis cando xa se sabe o que vai custar cubrir a súa estadía de oito horas en Santiago: 4 millóns de euros. Pois ben, por estas razóns ou por outras diferentes, estase a crear (de xeito paralelo ao entusiasmo que espera a visita de Bento XVI en certos eidos da nosa sociedade) unha fronte social de rexeitamento, fronte que como era previsible xa ten o seu reflexo e o seu impulso na Rede. Máis polo miúdo a través de Eu non te espero, un blog que reproduce o epígrafe que acompaña ás bandeiras de desacordo que se están a distribuír en Compostela.
O blog, sinxelo e aínda recente, fundaméntase en ofrecer unha visión crítica dos feitos (a chegada do sumo pontífice, o que esta significa, o que custará) e na busca de apoios para amosar de xeito colectivo na Rede o devandito rexeitamento, máis polo miúdo a través da recollida en liña de sinaturas.
A web, á que chegamos vía Chuza!, vai camiño xa dos 300 apoios, algúns deles –a xulgar polos comentarios incluídos– especialmente críticos coa devandita cantidade de cartos destinada, á que (sinalan) ben se lle podería dar outro uso, por exemplo á hora de satisfacer as necesidades alimentarias inmediatas dun importante número de cativos do continente africano.
En marcha un blog para recadar apoios en contra da visita do Papa
Compartir Este Artigo
